Emigración destina máis de 300.000 euros a subvencionar ONGDs para a formación laboral de inmigrantes

A estas subvencións cómpre engadir os 400.000 euros que a Secretaría Xeral destina, tamén a ONGDs, para accións de acollida, integración e asesoramento legal deste mesmo colectivo.

Un total de quince organizacións recibirán entre 3.360 e 115.680 euros de subvención para os seus cursos.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración ven de facer pública a resolución das subvencións concedidas a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver accións de formación laboral da poboación inmigrante e retornada na Comunidade  Autónoma galega.

Sumando estes cartos aos que Emigración destina para subvencionar programas levados a cabo polas ONGDs para acollida e integración social, a cifra global acada os setecentos mil euros dedicados por Emigración a programas de inserción da poboación inmigrante e retornada con enderezo en Galicia xestionados directamente por entidades sen ánimo de lucro. A esta cantidade, ademais, cómpre engadir tamén 400.000 destinados a axudar a accións similares desenvolvidas por corporacións locais. En global, Emigración destina máis de un millón de euros a subvencionar accións de inserción social e laboral do colectivo.

Pero esta cantidade vese aínda incrementada en 650.000 € máis se se engaden os convenios asinados, e mailas ordes de axudas dispostas, cos concellos de Galicia para accións tales como o mantemento de oficinas municipais de información ao inmigrante e retornado ou retornada, ou outras similares de apoio loxístico á integración. En total, Emigración destina máis de 1.700.000 euros a axudas e subvencións para ONGDs e concellos coa fin de que favorezan a integración de inmigrantes e persoas retornadas.

47 cursos e 700 alumnas e alumnos
Son quince as entidades que se benefician da orde máis recente (a dotada con 300.000 euros, obxecto desta nota), que recibirán entre 3.360 e 115.680 euros de subvención. Estes fondos están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e serán 47 os cursos que se desenvolverán grazas a eles, dos que se beneficiarán máis de 700 alumnas e alumnos

A Secretaría Xeral tivo sempre presente, á hora de decidirse polos proxectos a subvencionar, o interese da iniciativa candidata, e a compensación coas vilas e comarcas con meirande presenza, porcentual e global, de poboación inmigrante e retornada. Tódalas organizacións beneficiarias terán, por descontado, que acreditar documentalmente as accións formativas pertinentes para cobraren as axudas oficias.

A resolución da fin á convocatoria realizada a finais do ano pasado, na que se fixaba sistema de concorrencia competitiva, é dicir, elección das mellores ofertas entre tódalas presentadas, segundo baremo técnico publicado, e acorde aos obxectivos estratéxicos marcados pola propia Secretaría.

1230 lecturas