Emigración e o Instituto Cervantes, en colaboración coas comunidades galegas no exterior, estudan coordinar a proxección da cultura e idioma galegos

O obxectivo é que as iniciativas das comunidades galegas, e as do propio Instituto, sexan coordinadas, para acadar maior eficacia e impacto.

Miranda e Rodríguez-Ponga durante a xuntanza mantida entre os secretarios xerais das dúas institucións
Miranda e Rodríguez-Ponga durante a xuntanza mantida entre os secretarios xerais das dúas institucións
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o seu homólogo do Instituto Cervantes, Rafael Rodríguez-Ponga, veñen de comprometerse a estudar en profundidade as posibilidades de colaboración entre ambos organismos en materia de proxección da cultura e o idioma propios de Galicia fóra do seu territorio, a través das sedes que o Instituto ten espalladas por todo o mundo, e en coordinación coas comunidades galegas no Exterior.

Así, ambos mandatarios expuxeron o mutuo interese por afondar nunha posible sinerxia entre as actividades que realizan as comunidades galegas no Exterior cofinanciadas pola Secretaría Xeral, e as que realiza ou proxecta o organismo de difusión do idioma español, especialmente nas cidades en que existan sedes do Cervantes, ou de casas ou centros galegos.

Voluntariado
Ademais da proxección do idioma galego, estudaranse vías de colaboración en materia de actividades culturais diversas, e tamén no ámbito de intercambio e interacción de voluntarios e voluntarias colaboradores. A este efecto, na xuntanza estivo tamén presente o subdirector de Voluntariado e Participación (dependente da Consellería de Traballo e Benestar), Alberto José Otero Peña, quen transmitiu ao representante do Instituto a posibilidade de que o Cervantes colabore no programa Galeuropa, da Consellería, polo que mozas e mozos galegos realizan accións non remuneradas en institucións doutros países do continente.

O obxectivo final sería que as actividades que se proxecten no Exterior por parte do Instituto Cervantes, e que atinxan á cultura galega, se desenvolvan en coordinación coa Xunta e as comunidades galegas, e tamén que estas podan empregar as sedes do Instituto para desenvolver aquelas iniciativas que sexan de interese ao organismo estatal. Desta maneira, optimizaranse os recursos das distintas entidades integradas en cada iniciativa.
 

938 lecturas