A Xunta aposta por apoiar o eido da empregabilidade das e dos galegos do exterior duplicando o financiamento do programa formativo e mentores da Fundación Ronsel para emprendedoras e emprendedores retornados

A Administración autonómica destina 200.000 euros para a posta en marcha do programa de apoio para emprendedoras e emprendedores retornados Merlo e para novos obradoiros, cursos e itinerarios individualizados de inserción laboral e coñecemento do mercado laboral galego.

A Secretaría Xeral da Emigración asinará tamén un convenio coa Federación Venezolana de Galicia para manter o funcionamento das súas oficinas de asesoramento e formación ás e aos retornados que complementa a acción da Xunta.

Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado hoxe en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de dous convenios da Secretaría Xeral da Emigración destinados a apoiar no eido formativo e na empregabilidade aos galegos e galegas que volven á Comunidade Autónoma de xeito que se lles poida dar a maior cobertura posible no seu proceso de adaptación á sociedade galega.

A Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel desenvolverán accións conxuntas destinadas á mellora da empregabilidade, tanto por conta allea como por conta propia, das persoas emigrantes retornadas, por un importe de 200.000 euros, dobrando así o investimento do ano pasado dado o éxito da iniciativa de mentorización, que formou máis de 90 emprendedoras e emprendedores retornados.

Con este obxectivo apoiarase economicamente esta fundación para que, por unha banda realice obradoiros grupais, charlas e cursos dirixidos a proporcionar as ferramentas necesarias para coñecer o mercado de traballo galego, e levaranse a cabo itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos e das participantes. Estas accións, que pretenden a eficiencia na busca de traballo por conta allea, van dirixidas a un máximo de 250 persoas emigrantes retornadas.

Por outro lado, Ronsel continuará tamén a desenvolver o Programa de mentores Merlo, que ofrece o maior apoio posible a estes novos empresarios e empresarias para consolidar os seus negocios na Comunidade Autónoma galega. Esta acción vai dirixida a un centenar persoas emprendedoras.

Finalmente, o Consello da Xunta tamén autorizou a sinatura dun convenio coa Federación Venezolana de Galicia (Fevega) que facilitará o mantemento das oficinas de información e asesoramento, tanto na provincia de Pontevedra coma na de Ourense, así como unha, a maiores, itinerante, dirixidas a persoas emigrantes retornadas en Galicia. O importe da colaboración será de 50.000 euros.

135 lecturas