Emigración destinou máis de 2,6M€ a garantir a viabilidade e o funcionamento das entidades galegas no exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o apoio destinado a gastos de funcionamento, actividades, infraestruturas e equipamentos.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou os 2,6 millóns de euros destinados en 2021 ás entidades galegas no exterior e que tiveron como fin facer fronte aos gastos de funcionamento, actividades, infraestruturas e equipamentos.
En concreto, destináronse a gastos de funcionamento, proxectos culturais e accións especiais, 1,2M€, xunto a outros 575.000 para reformas e equipamentos e 853.000 máis destinados a acordos de colaboración con entidades sociais que asisten aos nosos galegos e galegas no exterior.
Moitas das actividades desenvolvidas ao longo do 2021 por parte dos centros galegos do exterior tiveron o Xacobeo como eixe central, accións que se manterán ao longo do presente 2022.
Segundo destacou o secretario xeral, ao longo do 2021 reforzouse a colaboración coas entidades galegas do mundo no eido dos gastos de funcionamento, debido ás necesidades xeradas pola situación da pandemia. A situación, a pesar de todo, foi mellor para estes centros que en 2020, xa que se puideron retomar as actividades presenciais en moitos casos e incluso se abriron os negocios de restauración que facilitan o seu sustento.
De tódolos xeitos, o secretario xeral anímaos a seguir traballando a prol do benestar da colectividade galega en cada un dos países, “un esforzo que valoramos enormemente dentro desta época de dificultades e imprevistos que está a xerar a pandemia da covid-19 que parece non ter fin”.
A Xunta de Galicia continuará no 2022 traballando para manter a colaboración con estas entidades, en especial co obxectivo de fomentar a programación cultural, social e formativa dos nosos galegos e galegas no exterior, así como para axudar nas obras, reforma, habilitación e conservación das instalacións e do patrimonio cultural.
Novas relacionadas




