Emigración coñece un proxecto empresarial de innovación tecnolóxica aplicada á edición de publicacións académicas único en España dun galego retornado

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá a un profesional galego de alta cualificación que desenvolveu o seu labor na Universidade de Oxford e que foi apoiado pola Xunta no seu retorno para a posta en marcha desta empresa dedicada á produción de publicacións de investigacións e marcado semántico. 

A firma conta xa con cinco traballadores e traballadoras, a quen dá formación, e está a buscar novas e novos traballadores, apostando tamén polo I+D+i.

A nova liña de axudas para emprendedoras e emprendedores retornados continúa aberta e conta cun orzamento de 800.000 euros.

Antonio Rodríguez Miranda e Marcos Ferreira, durante a reunión desta mañá
Antonio Rodríguez Miranda e Marcos Ferreira, durante a reunión desta mañá
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a un profesional emprendedor retornado de alta cualificación que desenvolveu o seu labor na Universidade de Oxford no Reino Unido, Marcos Ferreira, e que foi apoiado pola Xunta para a posta en marcha en Galicia en 2020 dun proxecto empresarial dedicado á produción e difusión de publicacións académicas e de investigación único en España. 

Marcos Ferreira retornou de Reino Unido o ano pasado onde xa contaba con experiencia neste tipo de iniciativas, xa que traballaba no mesmo eido na Universidade de Oxford, trasladando a Galicia esta iniciativa que ofrece unha ampla variedade de servizos de apoio a oficinas editoriais e tamén a profesionais, dende a xestión da obra ata a selección da plataforma que mellor se adecúe aos seus contidos, pasando pola produción e máis a edición. Esta empresa fai marcado semántico e permite que os investigadores e investigadoras poidan localizar de xeito telemático investigacións e publicacións, xerando así coñecemento. 

Ferreira explicou que no Reino Unido este tipo de empresas dan traballo a 180.000 persoas, xerando o 3% do PIB do país. Dende que comezou a súa aventura empresarial en Galicia xa procesaron 8.654 páxinas, máis de 1.000 artigos e 52 revistas, tendo entre as e os seus clientes a varias universidades españolas, así como a investigadoras e investigadores de países como Colombia ou Dinamarca. 

“Dende a Xunta de Galicia apostamos polo retorno dos nosos galegos, porque, como no caso de Marcos Ferreira, traen consigo un coñecemento importantísimo que aporta valor engadido e que nos permiten avanzar coma sociedade”, explicou Miranda. 

Para a posta en marcha deste negocio contou en 2020 cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 5.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados.  

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das e dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas e algúns incluso, como é o caso de Marcos Ferreira, xerando postos de traballo, xa que en total son xa cinco traballadores, aos que se lles dá formación, e estase a buscar máis persoal dado o elevado volume de traballo que ten esta iniciativa, única en Galicia”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que continúa aberta esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados e retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas son de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña. 

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

422 lecturas