Emigración amplía a colaboración coa fundación España Salud para reforzar a cobertura socio sanitaria dos galegos e as galegas en Venezuela

O secretario trasladou ao embaixador español a crecente preocupación do Goberno galego pola situación que atravesa o país e, por tanto, os 46.000 galegos e galegas residentes nel, así como pola falta de pagamento das pensións recoñecidas polo Estado venezolano a persoas emigrantes retornadas.

  • Na súa última xornada en Venezuela, o secretario xeral da Emigración tamén tivo tempo para conversar cos cativos e cativas que cursan estudos no Colexio Castelao de Caracas
    Na súa última xornada en Venezuela, o secretario xeral da Emigración tamén tivo tempo para conversar cos cativos e cativas que cursan estudos no Colexio Castelao de Caracas
  • Miranda asinou coa Fundación España Salud un convenio para a atención das necesidades socio sanitarias e asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes en Venezuela
    Miranda asinou coa Fundación España Salud un convenio para a atención das necesidades socio sanitarias e asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes en Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de rematar a súa primeira viaxe do ano a Venezuela, actual destino prioritario da súa xestión debido ao momento convulso que atravesa o país e, por tanto, a colectividade galega, á que a Xunta de Galicia está a prestar especial atención.

Miranda asinou o cuarto dos acordos de colaboración desta andaina, nesta ocasión con outra das organizacións máis destacadas que prestan servizos á diáspora, a Fundación España Salud (FES). O documento, que ten por obxecto contribuír á atención das necesidades socio sanitarias e asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes en Venezuela, posibilitará esta dotación a aqueles e aquelas que por razóns de idade, estado físico ou situación de carencia, necesitan desta cobertura.

O acordo contempla atención ambulatoria especializada mediante consultas e exames indicados polos servizos de Atención Primaria, consultas especializadas, e servizos auxiliares de diagnóstico; plan de hospitalización e cirurxía; e prestacións farmacéutica e de servizo de axuda a domicilio.

Unha diáspora solidaria
Rodríguez Miranda visitou tamén na súa derradeira xornada da viaxe o Colexio Castelao, nado da iniciativa dos emigrantes galegos e galegas no país, co que colabora activamente a Xunta de Galicia, e dependente da Hermandad Gallega de Venezuela. Trátase dun dos dous centros escolares de ensino regrado fundados pola diáspora e aínda activos, que agrupa a medio milleiro de alumnas e alumnos e a medio centenar de profesionais da docencia, e que goza dun relevante prestixio entre a sociedade local.

Precisamente, durante o percorrido polas aulas do centro escolar, Miranda puxo de relevo “a importancia da solidariedade da nosa diáspora, da que este Colexio é exemplo, un feito histórico pero tamén de presente”. O secretario xeral lembrou que, en materia educativa, as doazóns das e dos emigrantes foron fundamentais para espallar o ensino no eido rural galego “e moi nomeadamente entre as rapazas: de non ser polas chamadas escolas de indianos, terían retrasado varias décadas a súa incorporación ao ensino regrado”, recordou Miranda.

“En materia solidaria, debémolo dicir coa boca ben grande, as e os galegos do Exterior foron e son exemplo no mundo”, asegurou o secretario xeral, quen recordou que “algunhas das institucións mutuais sociais e sanitarias máis importantes de América Latina, desde Cuba a Arxentina, foron fundadas por emigrantes galegos”. Sen elas, ducias de milleiros de persoas en situación de precariedade non terían unha axeitada cobertura.

Precisamente e tralo percorrido polo Colexio Castelao, o secretario xeral da Emigración visitou o Fogar San José, outra das institucións con sede en Caracas e que alberga a un número importante de galegas e galegos, e de emigrantes de cidadanía española en xeral. Alí, Miranda insistiu en que “o Goberno galego seguirá pendente das necesidades dos nosos paisanos no país, moi especialmente daqueles que por razóns de idade ou outras causas de dependencia, necesitan máis ca nunca o noso apoio”.

Persoas retornadas
Finalmente, e como broche institucional na súa viaxe antes de partir cara ao aeroporto, o responsable autonómico en materia de Emigración compartiu información, e pulsou a súa visión sobre a actualidade das colectividades galegas no país, co embaixador de España, Antonio Pérez Hernández.

Ao máximo representante español en Venezuela transmitiu Miranda a crecente preocupación do Goberno galego pola situación que atravesa o país e, por tanto, os 46.000 galegos e galegas que residen nel. Tamén contrastou co diplomático tódalas accións desenvolvidas por parte dos Gobernos central e autonómica para interesarse pola situación de falta de pagamento, por parte do Goberno venezolano, das pensións recoñecidas por ese Estado a cidadás e cidadáns galegos retornados. Neste senso, Pérez e Miranda renovaron a súa intención de compartir esforzos e iniciativas para, na medida do posible, paliar a situación deste colectivo concreto.

1199 lecturas