As e os pensionistas retornados xa poden acceder ao formulario para solicitar a devolución de sancións, recargos e xuros de demora

A conselleira de Facenda informou onte de que este colectivo pode cumplimentar este documento e solicitar a devolución dende o vindeiro 1 de xaneiro.

Elena Muñoz Fonteriz explicou que este procedemento é sinxelo, aínda que a páxina web da AEAT tamén inclúe instrucións para facelo.

Recordou que a Xunta, pese a non ter competencias, vai colaborar coa Agencia Tributaria estatal para axudarlles a regularizar a súa situación

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, avanzou onte que as e os pensionistas retornados xa poden acceder ao formulario para solicitar a condonación e a devolución das sancións, os recargos e os xuros de demora que foron pagados por este colectivo.

En resposta a unha pregunta oral no Parlamento, Muñoz Fonteriz explicou que as persoas pensionistas retornadas teñen á súa disposición este formulario na páxina web da Agencia Tributaria (AEAT), a través do enlace ‘Pensións Estranxeiras IRPF’ situado na portada deste portal web, e a partir do 1 de xaneiro nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

A conselleira destacou que as e os pensionistas retornados poden así cumplimentar o formulario de solicitude, consignando os datos persoais; os anos correspondentes á débeda que orixinou as sancións, os recargos e os xuros de demora; e o número de conta bancaria para efectuar a devolución das cantidades abonadas. As persoas pensionistas retornadas que teñen dereito a esta devolución poderán solicitala a partir do vindeiro 1 de xaneiro.

Muñoz Fonteriz subliñou que este trámite é sinxelo, aínda que a páxina web da AEAT inclúe instrucións para cumplimentar este documento.

A titular de Facenda insistiu en que este proceso extraordinario de regularización permitirá tratar ás e aos emigrantes retornados “igual que os que declararon a súa pensión, o que é irreprochable dende o punto de vista de xustiza fiscal”.

Ademais, recordou que a Xunta –a través da Axencia Tributaria de Galicia- vai colaborar coa Agencia Tributaria estatal para axudar a este colectivo a regularizar a súa situación, pese a que a Administración galega non ten ningunha competencia nesta materia.

1048 lecturas