A Axencia Tributaria de Galicia disporá de 26 técnicas e técnicos para a campaña especial de asistencia ás persoas pensionistas retornadas

A conselleira de Facenda explicou que en marzo comezará a campaña de axuda para facilitar o proceso de regularización a este colectivo, e durará catro meses.

A Axencia Tributaria do Estado habilitará dende o vindeiro mes de febreiro un sistema de cita previa por teléfono e por internet.

A asistencia ás e aos contribuíntes realizarase nas oficinas da AEAT, a través de plataformas conxuntas nas que participará tamén persoal da Xunta.

Elena Muñoz Fonteriz recordou que as persoas pensionistas retornadas xa poden solicitar dende o 1 de xaneiro a devolución das sancións, recargos e xuros de demora.

  •    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
  •    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
  •    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
  •    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
    A conselleira de Facenda durante as súas declaracións aos medios. Foto: Conchi Paz
Vídeo coas declaracións da conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2015.

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) disporá de 26 técnicas e técnicos durante a campaña especial de asistencia para persoas pensionistas retornadas, co obxectivo de prestar a axuda necesaria no proceso extraordinario de regularización. A Xunta participará coa Axencia Tributaria do Estado (AEAT) nesta campaña, que comezará en marzo e prolongarase durante catro meses.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, anunciou hoxe que a Axencia Tributaria do Estado habilitará en febreiro un sistema de cita previa. As e os contribuíntes poderán solicitar unha cita por teléfono ou por internet, e o día que se lles asigne poderán realizar e presentar as declaracións tributarias que lle correspondan coa axuda de persoal especializado.

A campaña especial de asistencia a persoas pensionistas retornadas realizarase nas oficinas da AEAT, a través de plataformas conxuntas nas que participará persoal da Xunta de Galicia e da Administración do Estado. Así o establece o protocolo de colaboración asinado hoxe entre a titular de Facenda e a delegada da AEAT en Galicia, Imelda Capote.

Unha vez solicitada a cita, as e os contribuíntes levarán a súa documentación para realizar o trámite de regularización. Esta colaboración entre as dúas administracións é similar á que veñen realizando dende hai anos na campaña da renda. En total, a ATRIGA e a AEAT disporán de 40 técnicas e técnicos para axudar a este colectivo, das e dos que 26 son da Xunta.

Devolucións
Ao remate da reunión do Consello Territorial de Dirección para a Xestión Tributaria, a conselleira de Facenda recordou tamén que dende o pasado 1 de xaneiro as e os pensionistas retornados xa poden solicitar a devolución das sancións, os recargos e os xuros de demora.

Este trámite poden facelo por internet ou, presencialmente, nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia e nas da Axencia Tributaria do Estado. A ATRIGA tamén dispón dun número de teléfono (881.99.52.84) para informar sobre o proceso de devolución. A Xunta conta ademais con persoal especializado en todas as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia para axudar ás persoas pensionistas retornadas neste procedemento.

918 lecturas