Montoro resalta que Facenda facilitará o cumprimento das súas obrigas ás persoas pensionistas emigrantes retornadas

A Axencia Tributaria reúnese con representantes do colectivo para informalos da súa situación e facilitar o pagamento de impostos.

Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 25 de setembro de 2013.

O ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, resaltou no Pleno do Senado que a Axencia Tributaria facilitará o pagamento das súas obrigas tributarias ao colectivo de persoas pensionistas emigrantes retornadas, especialmente aquelas que conten con pensións e rendas máis baixas.

Nunha interpretación na Cámara Alta, o ministro recordou que a obriga de tributar por pensións xeradas no exterior corresponde a preceptos legais vixentes en España xa en 2006, polo que a Axencia Estatal de Administración Tributaria só está a cumprir coa súa obriga ao informar ás e aos contribuíntes que non tributaron por iso da necesidade de facelo. Concretamente, explicou que o "maior intercambio de información tributaria entre países" puxo de manifesto agora a existencia dunhas rendas non declaradas que están suxeitas ás obrigas impositivas.

Montoro resaltou que a Axencia Tributaria estase a reunir xa coas plataformas de afectados e afectadas para darlles toda a información que precisen e facilitarlles o pagamento de forma que cumpran coas súas obrigas tributarias como o resto de contribuíntes. "Daremos as máximas facilidades posibles ás persoas que poidan ter dificultades pero dende o cumprimento da lei", dixo.

O ministro engadiu que dende o Goberno se está a traballar para que estas persoas "non sintan discriminación ningunha e encontren unha solución o antes posible á súa situación".

Por outro lado, Montoro pediu respecto para as e os traballadores da Axencia Tributaria que "non poden ser cuestionados dende formulacións políticas, xa que o seu labor consiste en facer cumprir a normativa tributaria".

O ministro recordou que o cumprimento das obrigas tributarias polo conxunto das e dos contribuíntes é unha peza clave para a obtención de recursos que financien as prestacións sociais e contribúan á redución do déficit público e a saída da crise.

1498 lecturas