Dous emigrantes galegos retornados desenvolven proxectos laborais no concello de Cualedro apoiados pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron esta mañá o concello ourensán.

En 2020 beneficiáronse destas achegas un total de 94 novas empresarias e empresarios dos que 11 son veciños dalgún concello da provincia.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados  que crearon proxectos empresariais  con axuda de Emigración.

Imaxe desta mañá no concello ourensán de Cualedro
Imaxe desta mañá no concello ourensán de Cualedro
Listen to this page using ReadSpeaker
Cualedro (Ourense), 8 de xuño de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello de Cualedro para coñecer o proxecto empresarial de dous emigrantes galegos retornados, un de Alemaña e outra de Venezuela, que puxeron en marcha unha empresa de venda ambulante de embutidos e outra de traballos de albanelería neste concello do rural ourensán.

Na visita, Rodríguez Miranda estivo acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, así como do alcalde da localidade, Luciano Rivero.

María Casas Justo retornou de Alemaña en 2018 e puxo en marcha unha empresa de venda ambulante de embutidos así como un bar no casco urbano de Cualedro. Para a posta en marcha do primeiro dos negocios contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 8.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedoras e emprendedores retornados. Pola súa banda, José Martínez Atanes volveu de Venezuela en 2019 e montou unha pequena empresa de albanelería coa que traballa polos concellos da contorna de Cualedro realizando traballos de mellora en vivendas, sendo beneficiario desta mesma axuda con 7.000 euros. Ámbolos dous recibiron as axudas da Secretaría Xeral da Emigración en 2019.

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial das galegas e galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles no rural, e algúns incluso xerando postos de traballo”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que acaba de abrirse esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedoras e emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados e retornadas conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

En 2020 a provincia de Ourense contou con 11 beneficiadas e beneficiados por estas axudas, 5 na capital da provincia, tres en Celanova, e un en Ribadavia, Boborás e Oímbra.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

  • Audio 1. Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración | Descargar
  • Audio 2. José Martínez Atanes, retornado emprendedor | Descargar
670 lecturas