Un documental saca á luz a historia da comunidade española en Nova York.

«Little Spain» reconstrúe a vida dos que abandonaron España para «buscar un futuro mellor» na Gran Mazá, como o fixeron moitos galegos.

Listen to this page using ReadSpeaker
19 de novembro de 2010.

O cineasta Artur Balder lanzou o documental Little Spain, que conta a descoñecida historia da presenza española en Manhattan, onde se creou unha das comunidades de maior arraigamento en Nova York nos séculos XIX e XX. A cinta reconstrúe o paso de quen abandonaron España para «buscar un futuro mellor» e fixeron da Gran Mazá o seu fogar. Entre estes españois figuran moitos galegos, que manteñen actualmente seis centros ou sociedades de emigrantes na cidade norteamericana.

A través de documentos gráficos e testemuños, o filme conta a traxectoria dos emigrantes que formaron a comunidade española pola rúa 14 de Manhattan, que era coñecida como «Little Spain». «Case ninguén sabe que existiu unha 'Little Spain', como existe unha 'Little Italy'. Iso é o fascinante», dixo Balder na presentación do documental en Nova York.

Na cinta queda patente que a inmigración española a Manhattan empezou a mediados do XIX e no século XX viviu a chegada de numerosos emigrantes, esencialmente galegos. Despois rexistrou outro influxo a raíz da Guerra Civil e a posguerra.

Nos anos cincuenta e sesenta, a rúa 14 falaba español, coa existencia de varios comercios de emigrantes, como os famosos restaurantes El Coruña, La Bilbaína ou Café Madrid. Unha das partes máis rechamantes da fita son as imaxes da celebración máis popular da comunidade española durante anos, a festa de Santiago Apóstolo.

1703 lecturas