Un documental conta a descoñecida historia da emigración galega a Lisboa.

A obra de Xan Leira foi exhibida esta semana no Centro Galego da capital lusa.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de decembro de 2010.

O director arxentino de orixe galega Xan Leira fixo un retrato da masiva emigración galega a Lisboa no documental Galegos en Lisboa, a historia xamais contada, exhibido esta semana no Centro Galego da capital lusa. Segundo o cineasta, os galegos comezaron a instalarse en Lisboa a partir do século XV, cando Portugal vivía un momento de apoxeo polos seus descubrimentos en ultramar. Os especialistas consultados por Leira clasifícana como «a nai de todas as migracións», aínda pouco coñecida polo público.

Cunha duración de 55 minutos, o filme debuxa o mapa da emigración galega en Lisboa e revela as marcas culturais e sociais que deixaron os emigrantes na cidade. Segundo Leira, «é difícil saber que é patrimonio galego e que é patrimonio lisboetaa».

As oportunidades para os galegos tamén xurdiron das catástrofes naturais que asolaron Lisboa nos séculos XVI e XVIII. Varias persoas marcharon de Galicia para traballar nas reconstrucións de urxencia tras un forte sismo na cidade portuguesa. Tamén para alá foron moitos adolescentes que fuxían do servizo militar.

2510 lecturas