Doce talleres levan a marca Artesanía de Galicia á feira internacional de Milán

A Consellería de Economía e Industria continúa coa promoción e introdución do produto artesán galego no mercado internacional e leva un stand institucional da marca á feira L’Artigiano in Fiera, que se celebra en Milán ata o 11 de decembro

A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Artesanía de Galicia participa por quinto ano consecutivo nesta feira de venda directa acollendo un total de doce obradoiros artesáns especializados nos eidos da cerámica, do coiro, da xoiería, do téxtil, da olería, dos zocos e dos complementos

Listen to this page using ReadSpeaker
6 de decembro de 2011.

A Consellería de Economía e Industria continúa coa súa aposta pola promoción da marca Artesanía de Galicia e pola introdución do produto artesán galego nos mercados internacionais a través da participación do sector en eventos de referencia no ámbito internacional. Con este obxectivo, e a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, o goberno galego promove a presenza da marca na feira internacional de venda directa L’Artigiano in Fiera, que se celebra en Milán desde onte, día 3, e ata o 11 de decembro.

Baixo o paraugas de Artesanía de Galicia, participan neste evento un total de doce obradoiros artesáns especializados nos eidos da cerámica, do coiro, da xoiería, do téxtil, da olería, dos zocos e dos complementos, o que contribuirá a presentar nunha das feiras de referencia do mercado italiano un amplo escaparate do produto artesán que se está a realizar hoxe en día en Galicia. Co obxectivo de apoiar a presenza institucional do sector en Italia e de acompañar os artesáns participantes, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, desprazaranse ata Milán nos últimos días de celebración da feira.

L’Artigiano in fiera estase a converter nunha das citas estranxeiras de referencia para o sector artesán galego e é unha das feiras máis demandadas por parte dos artesáns, debido á boa acollida do público e ás datas de celebración da feira, cuxa proximidade co Nadal provoca que en cada edición haxa uns excelentes resultados de venda. Na edición deste ano participan os talleres de cerámica de Iñaki Tellería (Redondela), Suso Fernández (Taboada), Cerámica Pilar (Cangas), o oleiro Fernando Mourón (Malpica de Bergantiños) e Marta Armada (Vigo), especializada na aplicación da cerámica á xoiería. Representando o téxtil e os complementos, participan o obradoiro de María Meda (Vigo) e En la (Monforte de Lemos), mentres que relacionados coa xoiería asisten Areladefe (A Guarda), A Feitura (A Coruña) e Maysil (A Estrada). Completan o stand o taller de coiro Cabuxa (Tui) e os zoqueiros do taller de Elena Ferro (Vila de Cruces).

O stand institucional da marca estará situado na zona do pavillón 7 dedicado aos países europeos, próximo aos stands doutras artesanías españolas. Nesta ocasión, trátase dun stand de 160 metros cadrados provisto de espazos individuais de exposición e venda para cada artesán así como de dous almacéns comúns. Como xa é habitual, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño subvenciona unha parte dos custes de aluguer de cada espazo individual, do transporte e do seguro das pezas, ademais de lles proporcionar aos artesáns o apoio de tres profesionais que desenvolven tarefas de tipo comercial e actúan ao mesmo tempo como tradutores.

Como novidade este ano, os beneficiarios desta iniciativa son obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía que teñan concedido o uso da marca por parte da Dirección Xeral de Comercio. A través deste tipo de actuacións a Consellería pretende dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos e abrir novas canles de comercialización cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.

953 lecturas