O delegado da Xunta visita os espazos promocionais de Galicia e o Xacobeo na feira internacional de Turísmo de América Latina (FIT)

Alejandro López Dobarro participou este luns da xornada dedicada aos profesionais na Feira, en Buenos Aires.

Turgalicia e o Xacobeo contan con cadanseu espazo promocional na caseta de Turismo de España.

Durante o sábado e o domingo a feira abriuse ao público. Hoxe e mañá está destinada a profesionais do sector e turoperadores.

Os organizadores destacan o interese do público arxentino.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, vén de participar este luns nunha xornada dedicada aos profesionais dentro da Feira Internacional de Turismo de América Latina (FIT). Este encontro reúne durante catro días na capital arxentina aos principais gobernos e profesionais do sector turístico internacional.

Galicia está presente no encontro mediante un espazo promocional de Turgalicia e outro do Xacobeo dentro da caseta instalada na feira por Turismo de España. Con catro mostradores, onde se achega toda a información turística da Comunidade Autónoma, da ruta xacobea e da programación de eventos para o ano santo 2010.

Os representantes destes organismos na mostra destacaron a boa acollida e o interese que esperta Galicia entre os asistentes ao encontro. Sandra Mayan, representante de Turgalicia nesta feira asegurou que “o público arxentino ten demostrado moito interese e se achega con moitas preguntas, o que marca unha diferenza con outras feiras ás que asistimos, principalmente en Europa”.

FIT América Latina
A Feira Internacional de Turismo (FIT América Latina) abriuse o sábado no recinto feiral da Sociedade Rural no barrio de Palermo da capital arxentina. Durante a fin de semana recibiron a visita do público en xeral e hoxe e mañá é só para profesionais do sector e turoperadores. En total, participan nesta edición 1.788 expositores nun espazo de máis de 42.000 metros cadrados e se calcula que ao rematar estes 4 días serán arredor de 80.000 as persoas que teñan visitado a mostra.

Esta praza consolídase como unha das citas máis relevantes no sector turístico no eido internacional e fai foco na promoción de novas relacións comerciais, ser escaparate das novidades neste eido, así como consolidar a creación de redes en mercados internacionais e rexionais.

1733 lecturas