A Deputación da Coruña axudará a tres centros da emigración de Brasil nos seus gastos correntes

Diego Calvo asinou tres protocolos de colaboración coa Sociedade Española de Beneficencia, a Sociedade Recreio e a Peña Galega da Casa de España por valor de 30.000 euros, destinados a pagar os seus gastos de funcionamento e equipamento.

O presidente destacou o importante labor social e de divulgación cultural que realizan os centros fundados por emigrantes.

Listen to this page using ReadSpeaker
22 de setembro de 2011.

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acudiu o pasado martes á sede da Pena Galega de La Casa de España de Río de Janeiro para asinar protocolos de colaboración con tres centros galegos do país.

O primeiro destes acordos vincula o organismo coa Sociedade Española de Beneficencia de Brasil, presidida por Andrea Canellas da Silva Paredes. Esta entidade, fundada en 1859 con propósitos de carácter benéfico e sanitario, ten como fin, segundo os seus estatutos, a asistencia social e hospitalaria a través do seu Hospital Español. A partida de 10.000 euros que achega o organismo provincial servirá como financiamento do equipamento sanitario e os gastos de funcionamento do local social no que se levan a cabo as actividades da asociación.

A Deputación tamén asinou un acordo coa Sociedade Recreio dous Anciaos para Asilo da Velice Desamparada, propietaria da residencia Santiago Apóstolo de Brasil. Esta institución foi fundada en 1940 por inmigrantes de orixe galega, carece de ánimo de lucro e naceu co obxectivo de dar acollida e asistencia sanitaria ás persoas de idade avanzada que se encontran en situación de desamparo social e económico. A achega do ente provincial ascende tamén a 10.000 euros, destinados a financiar o equipamento e os gastos de funcionamento do local social. O protocolo de colaboración asinárono Diego Calvo e a presidenta da sociedade, Regina Jallas Suárez Figueira.

O titular da Pena Galega de la Casa de España en Brasil, Antonio Carlos Carballo Blanco, tamén rubricou un convenio coa Deputación da Coruña por valor de 10.000 euros. Neste caso, a achega da cámara provincial servirá tanto para a adquisición de equipamento para o local social coma para apoiar as facturas de gasto corrente.

O presidente da Deputación Provincial asegurou que a firma destes protocolos responde a "unha mostra do deber que sente a provincia cos concidadáns e as concidadás que, por diferentes motivos, se ven afastados da súa terra e que, con estas asociacións, contribúen a salvagardar a súa identidade cultural, manter os vínculos de unión coa cidadanía galega emigrada e a mellorar a súa calidade de vida, especialmente aqueles e aquelas con máis necesidades".

Ademais, engadiu que sente unha "grande admiración" polo labor que se realiza en todos eles.

1091 lecturas