A Deputación da Coruña axudará a nove centros da emigración de Arxentina nos seus gastos correntes

Diego Calvo asinou oito protocolos de colaboración por máis de 55.000 euros, destinados a pagar gastos de funcionamento e equipamento.

O presidente destacou o importante labor social e de divulgación cultural que realizan os centros fundados por emigrantes.

Ademais, Diego Calvo asinou un convenio co Hogar Gallego de Ancianos por máis de 40.000 euros.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acudiu a mañá de onte á Delegación da Xunta en Bos Aires para asinar protocolos de colaboración cun total de nove centros de emigrantes galegos e galegas en Arxentina.

O primeiro destes acordos vincula o organismo coa Sociedade Parroquial de Vedra-Argentina, unha institución privada sen ánimo de lucro que foi constituída en 1910 coa finalidade de fomentar a axuda entre os seus membros e outorgar subsidios e servizos de asistencia sanitaria aos emigrantes galegos e galegas que se encontren en situacións máis precarias. Actualmente a devandita sociedade está presidida por Dora Pegito Quintas, que foi o encargado de asinar o documento xunto a Diego Calvo. A partida de 7.500 euros que achega o organismo provincial servirá como financiamento para as melloras no seu local social e para gastos de equipamento e funcionamento da asociación.

Diego Calvo, en nome da Deputación coruñesa, tamén asinou un acordo coa Sociedad Centro Arzuano Mellidense en Arxentina, representada no acto polo seu presidente César Roberto Pampín. Esta institución sen ánimo de lucro foi fundada en 1970 e ten como finalidade, segundo os seus estatutos, o fomento de axuda recíproca entre os seus membros e a promoción de actividades culturais, deportivas, recreativas así como a exaltación da galleguidad entre os emigrantes. A achega do ente provincial ascende a 7.500 euros, destinados a financiar o equipamento e os gastos de funcionamento do local.

Rafael Gil Malvido, en representación da Sociedad Hogar Gallego para ancianos de Bos Aires, tamén rubricou un protocolo de colaboración coa Deputación da Coruña por valor de 7.500 euros para equipamento do local social e apoio dos gastos correntes. Ademais, o Hogar Gallego, fundado en 1943, recibirá tamén 40.600 euros procedentes dun convenio pendente de firma coa Deputación da Coruña. Nesta ocasión, o presuposto irá destinado a financiar os gastos ocasionados polos servizos prestados aos usuarios e usudo fogar de acollida durante este ano.

Outro dos acordos asinados foi o que une ao organismo provincial coa Sociedade Unión do Partido Xudicial de Ordes en Arxentina. O presidente da asociación, José Luis Durán Ríos, e Diego Calvo asinaron o documento que formaliza a axuda a esta institución, cuxa finalidade é favorecer o desenvolvemento integral da cultura dos seus asociados, así como fomentar a solidariedade e a relación entre estes e outras institucións similares, especialmente as españolas. A Deputación da Coruña financiará con 7.500 euros as obras de mellora do local social e os seus gastos de funcionamento.

A sociedade Hijos del Ayuntamiento de Zas asinaron un novo protocolo de intencións co organismo provincial por valor de 7.500 euros dedicados a financiar o equipamento, os gastos de funcionamento e as actividades do local social. Esta asociación, presidida por Anxo Pereira Espasandín, ten como obxectivo fomentar a axuda recíproca entre os seus membros e promover actividades de carácter cultural, deportiva ou recreativa, á vez que traballa no fomento da galleguidad na sociedade e nos seus membros.

Tamén a Sociedade Unión de Residentes del Ayuntamiento de Curtis en Arxentina contará cunha axuda do organismo provincial grazas ao acordo asinado esta mañá. Esta asociación ten carácter mutual e fixouse como obxectivos o fomento de axudas recíprocas entre os seus e as súas membros para promover actividades culturais, deportivas, recreativas e de fomento da galleguidad. Co acordo asinado polo presidente da sociedade, Eugenio Martínez Paredes, a Deputación da Coruña comprométese a facerse cargo do financiamento de melloras no local, así como de parte dos seus gastos correntes. A achega da institución provincial será de 7.500 euros.

María Josefa Gerpe Pazos, en representación da Asociación social y cultural Santa Comba de Xallas, asinou o protocolo de intencións polo que o organismo presidido por Diego Calvo financiará gastos de equipamento, e funcionamento do local social no que se levan a cabo as actividades por valor de 7.500 euros.

A presidenta do Centro Betanzos en Arxentina, Beatriz Lagoa Veiga, rubricou o protocolo de intencións segundo o cal o organismo provincial financiará por valor de 3.000 euros gastos de equipamento do local social.

O presidente da Deputación Provincial mostrouse durante o acto "gratamente sorprendido" do labor que realizan os centros galegos en Arxentina e asegurou que a firma dos convenios responde a "un deber que sente a provincia da Coruña cos concidadáns e as concidadás que, por diferentes motivos, se ven afastados da súa terra". Destacou tamén o traballo "vital" destas asociacións por "axudar e protexer os seus asociados e asociadas" e por manter a identidade cultural galega na emigración.

1116 lecturas