A Deputación de A Coruña destina 30.000 euros para financiar a actividade de dúas asociacións galegas en Uruguai

Cada institución recibirá 15.000 euros para financiar o equipamento inmobiliario e informático e os seus gastos de conservación e funcionamento

O presidente do organismo provincial, Diego Calvo, asinou os acordos de colaboración cos presidentes do Centro Social e Cultural de Bergantiños e o Fogar Español de Montevideo

As asociacións, sen ánimo de lucro, teñen entre os seus obxectivos fomentar a cultura e as tradicións galegas e atender aos anciáns desamparados de orixe galega

O titular provincial tamén visitou as instalacións da Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos (a primeira mutua creada en Montevideo) e mantivo un encontro coa súa xunta directiva

  • Diego Calvo co presidente do Centro Social e Cultural Bergantiños.
    Diego Calvo co presidente do Centro Social e Cultural Bergantiños.
  • Diego Calvo cunha residentes do Fogar Español de 105 anos.
    Diego Calvo cunha residentes do Fogar Español de 105 anos.
  • Diego Calvo cun residentes do Fogar Español de 93 anos.
    Diego Calvo cun residentes do Fogar Español de 93 anos.
Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe as sedes que o Centro Social e Cultural Bergantiños e o Fogar Español teñen en Uruguai. O máximo mandatario da institución provincial aproveitou estes encontros para asinar con estas entidades dous convenios de colaboración, por valor de 15.000 euros cada un. Con esta achega, as dúas asociacións poderán facer fronte aos gastos de equipamento informático e inmobiliario e aos seus gastos de funcionamento.

Diego Calvo, en nome da Deputación coruñesa, estampou a súa firma no acordo co Fogar Español en Montevideo, representada polo seu presidente Antonio Ríos López. Esta institución, sen ánimo de lucro, ten como finalidade, segundo os seus estatutos, atender aos anciáns desamparados españois, con carácter temporal (no seu fogar de día) ou en réxime de residencia permanente. Entre os seus obxectivos, a cuxo cumprimento se destinarán os 15.000 euros recibidos onte co convenio asinado coa Deputación, está tamén axudar ás anciáns imposibilitados para o traballo e carentes de medios para a súa subsistencia e familiares que poidan mantelos; resolver os problemas das persoas maiores nacidas en España, especialmente os de Galicia.

Máis tarde, o presidente do Centro Social e Cultural de Bergantiños, Wálter Pena Mañana, foi o encargado de selar, xunto con Diego Calvo, o documento que formaliza a axuda a esta asociación civil sen ánimo de lucro constituída en 1969 cuxa finalidade é fomentar a cultura e as tradicións galegas, ademais de dar asistencia aos emigrantes galegos en Uruguai. Mediante este acordo, a Deputación da Coruña achegará 10.000 euros que irán destinados ao equipamento informático e inmobiliario da institución, e outros 5.000 para os gastos de conservación e mantemento.

No seu último día en Uruguai, o máximo mandatario da institución provincial visitou tamén as instalacións da Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos, popularmente coñecida como Asociación Española. Diego Calvo mantivo un encontro co presidente, José María García (natural de Ponteceso), e a xunta directiva da entidade. Esta institución, creada e dirixida por galegos, foi a primeira mutua creada no país e no sur de América en 1853. Actualmente, a institución conta con máis de 190.000 socios.
 

972 lecturas