A delegada da Xunta en Uruguai salienta o papel da mocidade e das entidades galegas na preservación da identidade de Galicia no exterior
A delegada da Xunta en Uruguai, Elvira Domínguez, participou nas celebracións organizadas pola colectividade galega en Montevideo con motivo do Día de Galicia, onde puxo en valor o compromiso das entidades galegas por manter vivas a lingua, a música, o baile e as tradicións galegas entre as novas xeracións. Domínguez asistiu aos festivais culturais celebrados na véspera do 25 de xullo, nos que participaron agrupacións folclóricas de distintos centros galegos da capital uruguaia, convertendo a xornada nun exemplo da fortaleza e vitalidade da galeguidade no exterior.
Durante a súa intervención, a delegada destacou que "cada actuación, cada peza musical e cada baile son unha mostra de que Galicia segue moi presente no corazón da nosa colectividade". Así mesmo, agradeceu o labor das entidades galegas de Uruguai e das persoas que, xeración tras xeración, traballan para transmitir o legado cultural de Galicia, reforzando os lazos coa terra de orixe e contribuíndo a proxectar a identidade galega máis aló das súas fronteiras.
Novas relacionadas




