A delegada da Xunta en Uruguai destaca a fortaleza da galeguidade na celebración do Día de Galicia en Montevideo
A delegada da Xunta en Uruguai, Elvira Domínguez, participou nos actos organizados con motivo do Día de Galicia e da festividade de Santiago Apóstolo, celebrados na Praza Galicia de Montevideo. A xornada reuniu representantes institucionais e da colectividade galega nunha homenaxe á identidade e ás raíces de Galicia, que incluíu a interpretación dos himnos de Uruguai, España e Galicia, unha ofrenda floral diante do monumento a Rosalía de Castro e diversas actuacións musicais e de baile tradicional a cargo das entidades galegas do país.
Durante a súa intervención, Elvira Domínguez puxo en valor o papel da emigración como garante da continuidade da cultura galega fóra da terra e destacou que "cada vez que celebramos o Día de Galicia en Montevideo comprobamos que Galicia segue viva ao outro lado do Atlántico grazas ás persoas que manteñen acesa a chama da nosa cultura e das nosas tradicións". A delegada agradeceu o labor das entidades galegas de Uruguai e de todas as persoas que, co seu compromiso diario, contribúen a fortalecer os vínculos entre Galicia e a súa diáspora, facendo que a identidade galega continúe viva de xeración en xeración.
Novas relacionadas





