Declaración institucional da Xunta polo 8-M: Día Internacional da Muller

8 de marzo - Día Internacional da Muller
8 de marzo - Día Internacional da Muller
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022.

En 2022 cúmprense 70 anos desde que Nacións Unidas instaurou o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, aínda que non foi ata 1975 cando se conmemorou por primeira vez cos obxectivos de promover a igualdade de xénero, o liderado das mulleres e a eliminación de calquera discriminación contra a muller para conseguir a súa plena participación na sociedade, nas mesmas condicións que os homes.

Unha data coma esta invítanos a reflexionar sobre a evolución das condicións de vida e o traballo das mulleres de todo mundo, pero tamén nos anima a fomentar accións que contribúan a mellorar e afianzar eses avances. E nesta andaina é indiscutible o papel que xogou o movemento feminista e todo o tecido asociativo, unha ferramenta para o apoderamento persoal e colectivo que permite seguir afondando na “sororidade” a través de redes de colaboración, que son a base para unha verdadeira igualdade.

Recoñecer as aportacións de todas esas mulleres e nenas, celebrar a valentía e a determinación de todas esas voces transgresoras e esixir máis cambios para a consecución da plena igualdade, faise máis imprescindible hoxe ca nunca.

E para iso é necesario visibilizar e por en valor a esas mulleres referentes, para dotar de exemplos reais ás xeracións máis novas. Mulleres pioneiras, de todo tipo de disciplinas e sectores, que coas súas experiencias, a súa sabedoría e o seu talento poidan iluminar o camiño das máis novas.

E nese andar, os principais compromisos do Goberno galego residen en: apoiar o liderado feminino e a participación das mulleres en todas as esferas da sociedade, garantir o dereito á igualdade de trato e á non discriminación por razón de xénero e reivindicar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, mediante o fomento da redistribución de roles no fogar así como da igualdade no ámbito laboral.

Por todo iso, o Goberno galego seguirá desenvolvendo accións de impulso do talento feminino e participación equilibrada de mulleres nos espazos de toma de decisións na esfera económica, política, cultural, científica, etc., incluídos órganos e estruturas organizativas de todo tipo, como administracións públicas, de participación cidadá, entidades sociais e tecido empresarial, atendendo aos principios de mérito, capacidade e igualdade.

Mostra do traballo en prol da consecución destes obxectivos, é a inclusión da perspectiva de xénero en todas as políticas públicas autonómicas, os plans de formación e emprego con incentivos de discriminación positiva para as mulleres ou apoios crecentes á conciliación laboral e familiar, co fin de minimizar as dificultades que adoitan atopar as mulleres para manterse ou reinserirse ao mercado de traballo pola dedicación que invisten á familia.

Do mesmo xeito, a nova lei autonómica de igualdade entre mulleres e homes, que verá a luz este mesmo ano 2022, permitirá adaptar a lexislación ao contexto socio-laboral actual e ir da man na profunda transformación que está a acontecer na nosa contorna. Con esta nova norma preténdese lograr unha maior concienciación das persoas traballadoras e o tecido empresarial, guiando as súas boas prácticas para eliminar por completo calquera manifestación de discriminación múltiple e mellorar o benestar laboral da muller galega.

Porque aínda que hoxe o reivindiquemos con maior énfase, verdadeiramente todos os días son 8 de marzo. Todos os días debemos respectar e valorar ao xénero feminino como merece. E por iso animamos a toda a comunidade galega a seguir esforzándose, cada un dos 365 días do ano, para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, para que a sociedade sexa, en definitiva, máis xusta con todas e todos.

369 lecturas