Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2020.

Hai 43 anos, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, destacando como obxectivos prioritarios promover a igualdade de xénero, empoderar ás mulleres e eliminar a discriminación contra a muller para conseguir a súa plena participación na sociedade nas mesmas condicións que os homes.

Neste ano 2020, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e recoñece o traballo das mulleres que, tanto de forma individual como colectiva, permitiron e permiten o avance cara á igualdade. Todas foron e son conquistadoras de dereitos e liberdades.

Malia os significativos progresos dos últimos anos, e que a igualdade se atopa recoñecida tanto na Constitución Española como no noso ordenamento xurídico, esta non se ten acadado de xeito pleno. Cómpre aínda tomar consciencia de que ademais de ser un dereito humano fundamental, a igualdade de xénero constitúe a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sustentable.

Por iso, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable aprobada en setembro de 2015 por Nacións Unidas, incorpora o compromiso coa igualdade de xénero de forma integral e transversal. En concreto, o seu Obxectivo 5, refírese ao deber da comunidade internacional de cara ao logro da igualdade de xénero e o empoderamento de todas as mulleres e nenas.

Entre as metas que se recollen nese Obxectivo 5 atópanse aprobar e fortalecer políticas acertadas e leis aplicables para promover a igualdade de xénero e mellorar o uso da tecnoloxía instrumental, en particular a tecnoloxía da información e as comunicacións, para promover o empoderamento da muller.

En consonancia con estes mandatos, desde hai varios anos o Goberno galego mantén entre as súas prioridades o fomento da educación en igualdade, a promoción da igualdade de xénero no ámbito educativo e a concienciación ao alumnado de que cada un ou unha pode ser o que queira ser, sen importar ser muller ou ser home.

Neste marco cómpre traballar, e estase a poñer unha especial énfase en incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos de Galicia.

Unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas. Para isto, resulta indispensable que as mulleres e nenas participen nos estudos en disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), dar visibilidade ás referentes nestes campos e fomentar os proxectos tecnolóxicos e científicos de mulleres.

Ademais é necesario promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.

En definitiva, a igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas; e o resultado, aquel que cada unha constrúa co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. Só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo, a excelencia, nun marco de Igualdade de oportunidades e de corresponsabilidade, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro.

A igualdade de xénero non é unha cuestión dun día, nin dun mes, nin dunha actuación concreta, nin sequera dun Goberno. É un compromiso inescusable e ineludible de toda a sociedade.

En imaxes
187 lecturas