Declaración institucional no Día internacional para a eliminación da violencia de xénero

25 de novembro - Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero
25 de novembro - Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.

O Goberno galego, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, considera de xustiza lembrar ás mulleres asasinadas pola violencia de xénero, a punta do gran iceberg que supón a violencia machista, unha violencia que sofren milleiros de mulleres, de nenos e nenas, e que supón un gravísimo atentado contra os seus dereitos máis elementais.

O noso máis sentido recordo ás mulleres asasinadas en España, aos nenos e nenas vítimas mortais e todos os orfos e orfas vítimas da violencia machista. E de maneira moi especial lembrar ás dúas mulleres asasinadas en Galicia este ano, Manuela e Clara.

Erradicar a violencia de xénero é unha tarefa na que non podemos permitirnos retroceder nin un paso, e para o Goberno galego é unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e as súas familias seguir traballando nese camiño.

Debemos loitar tamén para que sobre os maltratadores caia todo o peso da lei, da xustiza e do rexeitamento social, pois estes actos non poden de ningún xeito ter cabida nunha sociedade democrática e avanzada.

Todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e, calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa.

Neste ano 2020 a Xunta de Galicia reforzou a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero, pois ante situacións de emerxencia coma a pandemia da covid-19 que nos toca vivir, os poderes públicos debemos estar á altura das circunstancias e prestar o apoio preciso, sobre todo ás persoas máis vulnerables ou en risco. Así, traballamos desde o minuto un na posta en marcha dun Plan de reforzo na atención ás vítimas da violencia machista que garantise a súa seguridade, tratando de que as medidas habilitadas mitigasen a situación de illamento e que as mulleres se sentisen acompañadas e protexidas.

Previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres é un obxectivo prioritario e irrenunciable, pois a igualdade é un valor de Estado, a violencia de xénero un asunto de Estado e a erradicación desta violencia un deber de Estado, xa que a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de Igualdade da nosa sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, como son a liberdade, a Igualdade e a vida.

Un ano máis, NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO.

En imaxes
413 lecturas