Cultura e Turismo e a Universidade de Santiago homenaxean a Castelao no 125 aniversario do seu nacemento.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou onte no acto de conmemoración dos 125 anos do nacemento de Castelao, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. O director xeral asegurou que “nesta etapa humana de grandes cambios e axustes vemos a figura de Castelao como un referente, baixo o seu maxisterio totalmente vixente e das grandes figuras do galeguismo que anticiparon o presente que vivimos”.

Listen to this page using ReadSpeaker
1 de febreiro de 2011.

O acto, celebrado na Sala Castelao da Facultade de Medicina, contou coa presentación da conferencia Castelao: Arte, literatura, política, por parte do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e coa participación do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. Francisco López destacou “a gran labor de creación” de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, que 125 anos despois do seu nacemento “as súas aportacións como artista plástico, escritor, pensador e político continúan deixando unha profunda pegada na sociedade galega”.

Francisco López recordou que o intelectual de Rianxo “era un mozo que procuraba un futuro vencellado ao exercicio da medicina –que só exercería brevemente por altruísmo–, entregado tamén ás artes, a través da música e do debuxo, e a esa capacidade incrible de observación do transcendente dentro do cotián, que define o seu labor de consciencia para Galicia”. “Co paso do tempo, ese polifacético artista tivo un papel decisivo na configuración de Galicia e deixounos unha obra de extraordinario alcance”, engadiu.

Segundo o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, “resulta fundamental que Galicia evolucione e cree espazos novos para a comunicación, un proceso que nace a través da produción da arte e do pensamento”. “Para iso precisamos o recoñecemento de nós mesmos como sociedade, dos elementos que aínda poden apoiar unha imaxe de marca cara á nosa sociedade e cara ao mundo que nos rodea”, afirmou. Neste liña, o director xeral, manifestou que desde a Consellería de Cultura e Turismo “procuramos sumámonos ao traballo que puxo en marcha Castelao como referente cultural e de unión entre pobos”.

Asemade, Francisco López gabou a labor de Carlos Valle, “por amosar unha traxectoria destacada en prol da arte galega e ser un piar fundamental desta homenaxe que queremos renderlle á figura de Castelao neste 2011, posto que no Museo de Pontevedra consérvanse valiosísimos fondos que agora temos a oportunidade de contemplar, debidamente clasificados e expostos ao público”.

1276 lecturas