As bibliotecas de Mar da Prata crean a Sección Galega Castelao
A través desta iniciativa, distribuiranse 900 libros doados pola Xunta entre os distintos centros de lectura municipais situados na cidade arxentina.
As bibliotecas da cidade de Mar da Prata, en Arxentina, ofrecerán a posibilidade de achegarse á literatura e á cultura galega coa creación da Sección Galega Castelao. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos distribuirá un total de 900 libros entre os distintos centros de lectura municipais da cidade.
A iniciativa é unha maneira de promocionar a lectura, a literatura e a lingua galega máis aló das fronteiras de Galicia e que estreitará o vínculo de unión con todas as colectividades galegas en Arxentina. A cidade conta cun centro galego en actividade desde 1928.
A posta en marcha das seccións Castelao forma parte do calendario de actividades da Xunta dentro da celebración da Feria del Libro de Bos Aires, que ten lugar na cidade porteña ata o 9 de maio.
Novas relacionadas



