Francisco López cualifica como “un agasallo para os sentidos” o libro-disco de César Morán ‘Haberá Primavera’ editado en homenaxe a Álvaro Cunqueiro no centenario do seu nacemento

Hoxe celébrase o centenario do nacemento do xenial escritor mindoniense.

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos participou esta tarde en Vigo na presentación do libro-disco sobre Álvaro Cunqueiro titulado ‘Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións’, unha obra do cantautor Cesar Morán editada por Galaxia.

Ademais do exemplar escrito a obra contén dous CDs, un con poemas musicados por César Morán e outro coa a gravación da derradeira conversa concedida por Cunqueiro, precisamente a César Morán, días antes de morrer.

Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo , 22 de decembro de 2011.

Centenario do nacemento de Álvaro CunqueiroO director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou este martes na Casa Galega da Cultura de Vigo na presentación do libro-disco sobre Álvaro Cunqueiro titulado Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións, unha obra do cantautor Cesar Morán editada por Galaxia. O acto contou ademais coa intervención do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e do autor César Morán, quen interpretou en directo algúns dos temas incluídos no libro en CD xunto a Alfonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxo).

Francisco López cualificou a obra como “un agasallo para os sentidos, un prodixio de harmonías entre a palabra escrita”, e destacou “o deseño editorial, a musicalización exquisita e o labor instrumental impresionante, que arroupa nas gravacións a voz invitada de Uxía Pedreira e a de César Morán”. Segundo o director xeral esta é “unha das máis importantes propostas editoriais con motivo do centenario de Álvaro Cunqueiro, unha iniciativa máis que se suma aos múltiples congresos, exposicións, conferencias, faladoiros, representacións escénicas e musicais que se viron realizando ao longo deste 2011 co propósito de recordar e homenaxear ao escritor monfortino”.

Francisco López explicou que dende a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos colaborarase unha vez máis coas entidades e institucións vencelladas a Cunqueiro e a súa obra e, neste sentido, comprometeuse a difundir entre as bibliotecas galegas o libro Haberá Primavera. Catorce poemas, catorce cancións.

Libro-CD
Neste ano 2011, e coincidindo co centenario do nacemento do poeta Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia edita un libro de poemas do autor de Mondoñedo, acompañado de dous CDs. O primeiro CD está composto por unha serie de poemas musicados por César Morán, e o outro CD contén a gravación da derradeira conversa concedida por Cunqueiro, precisamente a César Morán, días antes de morrer. Este é un libro-disco que contén unha excelente proposta musical e o acompaña un documento histórico de primeira orde.

César Morán rodeouse de músicos e músicas de primeiro nivel (entre os que destaca a voz de Uxía Senlle) para ofrecernos un excelente e elegante traballo que vai namorar ás e aos seguidores de Cunqueiro pero tamén ás persoas amantes da música. Este disco contén composición musicais onde o autor de Mondoñedo está agarimado pola guitarra, a frauta traveseira, o saxo alto, o contrabaixo e a percusión da banda de César Morán, quen presta a súa voz sintonizando á perfección coa lírica contida dos versos de Cunqueiro.

Este é un proxecto innovador que nos presenta a Cunqueiro doutra maneira, unindo literatura, música e un documento sonoro de innegable valor histórico e literario, como é esa derradeira conversa co escritor de Mondoñedo.

1107 lecturas