A Consellería de Cultura e Educación comparte co alumnado do instituto arxentino-galego Santiago Apóstol a celebración das Letras Galegas 2014

Os escritores Armando Requeixo e Luís González Tosar achegáronlles a figura e a obra de Xosé María Díaz Castro aos estudantes de secundaria do centro de Bos Aires, nun acto promovido pola Secretaría Xeral de Cultura.

Os estudantes tamén tiveron ocasión de coñecer algunha das composicións poéticas do escritor a través da música do grupo Xardín Desordenado.

Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 24 de abril de 2014.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convidou o alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol a celebrar as Letras Galegas 2014 coa realización dun acto literario no que os escritores Armando Requeixo e Luís González Tosar afondaron na figura e na obra de Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio.

No marco da súa viaxe institucional a Arxentina para apoiar a participación do sector editorial galego na XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu esta iniciativa promovida polo departamento que dirixe en colaboración co centro educativo, onde foi recibido hoxe polo presidente da Fundación Galicia América, Manuel Peleteiro, e polo corpo directivo docente do centro.

Os estudantes de secundaria do Santiago Apóstol, centro galardoado en 2013 co Premio Cultura Galega de Promoción Exterior, tamén tiveron ocasión de achegarse aos versos de Díaz Castro coa música do grupo galego Xardín Desordenado, que, a través da voz de Marlene Rodrigues e das guitarras de Santiago Ferragud e Isaac Garabatos, interpretou composicións do poeta lucense e doutros escritores galegos.

Pola súa parte, o alumnado do instituto fíxolle entrega ao escritor e presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar (Bos Aires, 1952), do Premio Rosa dos Ventos, unha distinción promovida polos propios estudantes do centro, que tamén recibiu en 2012 o escritor e académico Víctor Freixanes. Cómpre recordar que Luís González Tosar foi amigo persoal de Xosé María Díaz Castro, ao que editou en 1989, ademais de preparar a versión definitiva do seu poemario Nimbos en 2014.

Visita á Delegación da Xunta en Bos Aires
Antes de visitar o Instituto Santiago Apóstol, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro co delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, ao que informou das principais iniciativas que está a promover a Consellería de Cultura e Educación para favorecer o intercambio cultural galego-arxentino e conseguir novas vías de comercio para as industrias culturais galegas no país latinoamericano.

1267 lecturas