Convocada a edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’, do que se beneficiarán 135 galegas e galegos no exterior

Mercé a esta iniciativa, as e os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial, benefícianse dunha estadía nunha Residencia de Tempo Libre, e mesmo poden quedar despois coas e cos familiares ata 45 días.

Atópanse xa en Galicia os 153 beneficiarios e beneficiarias do ‘programa irmán’ Reencontros na Casa.

Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, onde se atopaban ás e os participantes do 'Reencontros na Terra' 2017
Imaxe de arquivo da visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, onde se atopaban ás e os participantes do 'Reencontros na Terra' 2017
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2017.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social. Nesta edición de 2017, formarán parte do programa un total de 135 persoas.

Esta publicación coincide no tempo coa primeira semana de estadía na Galicia territorial dos beneficiarios e beneficiarias do ‘programa irmán’ Reencontros na Casa, que conta este ano con 153 participantes, polo que o número total de persoas maiores galegas residentes no estranxeiro que poderán este ano vir a Galicia da man de Emigración acada as 288.

Ambas iniciativas teñen por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias das e dos emigrantes galegos de 65 ou máis anos de idade. Concretamente grazas ao programa hoxe convocado, poden redescubrir non as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, e mesmo familiar, senón ademais poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes.

Aínda que tódalas e tódolos participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata dentro dun mes natural, o 3 de agosto.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celébranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e beneficiarias e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de ata 45 días, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, nunha das residencias da Consellería de Política Social, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía coas e cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de 45 días. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios e beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

2424 lecturas