Convocada a edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’, do que se beneficiarán 135 galegos e galegas no exterior

Mercé a esta iniciativa da Xunta, as e os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial e poden beneficiarse dunha estadía na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, e aínda despois poden quedar coas familias ata un tempo máximo de tres meses.

A maioría das prazas resérvanse para Arxentina e Uruguai, países no que se concentra o continxente máis destacado de galegos e galegas residentes no estranxeiro.

Na imaxe de arquivo, chegada de participantes da edición de 2013 ao aeroporto de Santiago de Compostela
Na imaxe de arquivo, chegada de participantes da edición de 2013 ao aeroporto de Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta edición de 2014, formarán parte do programa un total de 135 persoas.

A iniciativa ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias das e dos emigrantes galegos de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto das persoas participantes.

Aínda que todas e todos os participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, aproximándose aos aos 77 anos na última edición, a de 2013.

Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata en dous meses. A documentación será avaliada seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade da persoa solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celebraranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e beneficiarias e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; o persoal médico acompañante no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de ata tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás e aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía coas súas familias de Galicia, coas que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas e moitos dos beneficiarios unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1546 lecturas