Convocada a edición deste ano do Programa ‘Reencontros na Terra’, do que se beneficiarán 135 galegos no exterior

Mercé a esta iniciativa da Xunta, os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial e poden beneficiarse dunha estadía na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, e aínda despois poden quedar cos familiares ata un tempo máximo de tres meses.

A maioría das prazas resérvanse para Arxentina e Uruguai, países no que se concentra o continxente máis destacado de galegos residentes no estranxeiro.

Imaxe de arquivo da recepción institucional ás e aos participantes na edición de 2014
Imaxe de arquivo da recepción institucional ás e aos participantes na edición de 2014
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Nesta edición de 2015, formarán parte do programa un total de 135 persoas.

A iniciativa ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

Aínda que tódolos participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata en dous meses. A documentación será avaliada seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade do solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celebraranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de ata tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional. Tamén realizarán diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1143 lecturas