Axudas do programa "Reencontros na Terra" para residentes no exterior. Ano 2017

Listen to this page using ReadSpeaker
2956 lecturas
Información do programa e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 27 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na terra para residentes no exterior, durante o ano 2017.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
03.07.2017
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:

Este programa ten por obxecto promover o contacto de galegas e galegos residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía en residencia e coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas:

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2017, do seguinte xeito:

País Nº de prazas
Arxentina 77
Brasil 9
Cuba 5
Uruguai 32
Venezuela 9
Resto de América 3
Total 135

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 135, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

Datas de realización:

As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país

As persoas participantes residirán durante 14 días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

Serán por conta das persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan coa súa familia, unha vez fina­lizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30 ou 45 días desde a súa chegada a Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes remata o  03/08/2017

Persoas beneficiarias:

  1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguin­tes requisitos:

    1.1. Ser emigrante galega.

    1.2. Ter a nacionalidade española.

    1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

    1.4. Ter, cando menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

    1.5. Non ter participado nos últimos 15 anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

    1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

    1.7. Ter ingresos inferiores a 1,5 veces o importe das bases de cálculo da prestación eco­nómica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multipli­car o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

  2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas persoas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas cumpran os re­quisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Documentación a presentar:

  1. A documentación que deberá achegar a persoa solicitante é a seguinte:

    - Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

    - Documento acreditativo da identidade e nacionalidade.

    - Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

    - Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

    - Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar. No caso de que non estivesen obrigados/as a realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

    - Nos países en que non exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais mem­bros da unidade económica familiar.

    - Certificado médico, segundo o modelo normalizado (anexo II).

    - Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

    - Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria das prestacións eco­nómicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 10 da resolución de convocatoria.

    - Unha fotografía recente, tamaño carné.

    - Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos/as familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles/as durante a súa estadía en Galicia, logo de rematar a convivencia no centro residencial dependente da Xunta de Galicia.

  2. O/a cónxuxe ou persoa unida á persoa solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

    - Documentación acreditativa da identidade.

    - Documentación acreditativa da residencia en América.

    - Certificado médico segundo o modelo do anexo IV.

    - Unha fotografía recente, tamaño carné.

Lugar de presentación das solicitudes:

  1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

    As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

    • En Brasil:

    – Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

    – Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

    – Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

    • En Cuba:

    – Federación de Sociedades Galegas na Habana.

    • En Venezuela:

    – Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

    A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

  2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica

Texto íntegro da convocatoria no DOG (picar aquí para descargar).

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
03.08.2017