Conclúen as xornadas técnicas sobre as novas axudas para as entidades galegas de Europa e América, que contaron con máis de 400 asistentes

Nestes encontros virtuais, celebrados entre a semana pasada e esta, trasladóuselles información sobre as axudas para obras e equipamentos así como para funcionamento e actividades.

A gran novidade deste ano é que ambas liñas poden ser solicitadas por tódalas entidades rexistradas, sen diferencia pola súa tipoloxía.

Ademais, no caso das actividades, créase unha axuda específica para accións de promoción do Ano Santo.

Esta semana, as xornadas centráronse nas liñas de funcionamento e actividades, que contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros. 

Antonio Rodríguez Miranda presidiu as dúas videoconferencias coas que esta semana se clausuraron as xornadas formativas
Antonio Rodríguez Miranda presidiu as dúas videoconferencias coas que esta semana se clausuraron as xornadas formativas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu as dúas videoconferencias coas que esta semana se clausuraron as xornadas formativas sobre as novas axudas a entidades de Europa e América e que contaron con un total de máis de 400 asistentes.

No caso da presente semana, analizáronse as novas liñas destinadas a funcionamento e actividades destes centros. Na reunión tamén estivo presente o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño.

Esta orde de axudas conta con 1,2 millóns de euros de orzamento e, como novidade, este ano poderanse acoller a esta liña de axudas todas as entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, centros de estudo e cultura galega, así como federacións de entidades e redes sociais. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, ata o próximo 8 de marzo.

Esta convocatoria conta con tres liñas: funcionamento, posta en marcha de proxectos e desenvolvemento de accións relativas ao Ano Santo.

En canto á primeira liña, e co fin colaborar no funcionamento das entidades galegas no exterior, este ano destínanse a este fin 800.000 euros, duplicando a cantidade destinada o ano pasado a este fin “debido a situación da covid-19, que reduciu enormemente a capacidade económica destes centros, moitos deles coa súa restauración pechada e as súas actividades paralizadas ou executadas vía telemática”, explicou o secretario xeral, quen engadiu que, xa en 2020, esta partida foi incrementada ata un 50% pola mesma causa. “A Xunta é consciente da situación delicada que está a vivir a nosa colectividade a causa da pandemia. Non poden esquecer que nós estamos aquí para axudalos e apoialos”.

En segundo lugar, estas subvencións tamén van dirixidas para a posta en marcha de proxectos culturais, sociais, de accións informativas e actividades promovidas pola mocidade. Finalmente, e como outra novidade desta convocatoria, a terceira liña destas axudas ten como obxectivo axudar á posta en marcha de accións de especial relevancia e promoción do Ano Santo Xacobeo. 

403 lecturas