A colaboración da Xunta coas entidades da diáspora garante a asistencia aos galegos e galegas de Río de Xaneiro
O conselleiro de Política Social e o secretario xeral da Emigración visitaron as instalacións do Hospital Español, a Casa de España e o ‘Recreio dos Anciâos’, onde se atende ás e aos paisanos en situación social, económica, sanitaria ou familiar máis precaria.
Rey Varela e Rodríguez Miranda asistiron hoxe á inauguración da ‘Praza Compostela’, espazo de convivencia no interior das instalacións do ‘Recreio’.
O consellerio de Política Social e o secretario xeral da Emigración asistiron á inauguración da Praza Compostela
Rey Varela. Regina Jallas e Antonio Rodríguez Miranda, durante a sinatura do convenio
A Xunta asinou un novo acordo de colaboración coa ‘Sociedade Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada’
O conselleiro de Política Social e o secretario xeral da Emigración, José Manuel Rey Varela e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, asinaron un acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro, que preside Marcos Alvite, coa finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadás e os cidadáns galegos residentes en Río de Xaneiro (Brasil).
Esta entidade atende a unhas 300 persoas maiores, a maioría das cales ten ascendencia galega, e comprométese co acordo á asistencia social individualizada dos beneficiarios e beneficiarias do seu Centro de Día; a servizo alimentario mediante comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; á atención en saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e á atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde na persoa maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas.
A sinatura do acordo de colaboración coa Administración galega, dotado con 40.000 euros, coincidiu co 31º aniversario da institución, que concluíu coa celebración cun concerto de música conmemorativo.
Hospital Español
Antes do percorrido para falar cos socios e socias, e coñecer as instalacións, da Casa de España, Rey Varela e Rodríguez Miranda visitaron outra senlleira institución fundada pola diáspora galega, o Hospital Español, dependente da Sociedade Española de Beneficencia, que preside Francisco Bernárdez, e que presta asistencia sanitaria a boa parte das comunidades galega e española asentadas en Río, e tamén a veciñas e veciños brasileiros integrados no seu sistema de protección sanitaria.
A Secretaría Xeral da Emigración colabora activamente cada ano con estoutra entidade para garantir o mantemento da asistencia aos galegos e galegas que, por razón de idade ou estado físico, necesitan dos servizos do Hospital.
Fundada en setembro de 1859, a Sociedade Española de Beneficencia naceu da iniciativa de emigrantes galegos -fundamentalmente comerciantes e representantes comerciais de empresas españolas no Brasil- co obxectivo de minimizar os problemas da saúde pública local, carente entón de hospitais e organizacións médicas capaces de atender á poboación da cidade do Río de Xaneiro. Arestora, presta servizos en moitos casos punteiros nesa gran cidade e no resto da República Federativa.
O ‘Recreio’
Hoxe domingo, os dous mandatarios galegos achegáronse á celebración do 77º aniversario doutra comunidade galega de Río, a ‘Sociedade Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada’, coa que asinaron un novo acordo de colaboración, coa mesma finalidade do asinado onte, e dotado con 20.000 euros.
A entidade, fundada en 1940 e presidida por Regina Xallas, acolle anciás e anciáns temporal ou permanentemente de forma gratuíta dando prioridade aos galegos e galegas necesitados e anciáns. Levan a cabo unha asistencia integral ás e aos acollidos, que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etc. mellorando así os aspectos social, emocional e psicolóxico.
Por mor do acordo, o ‘Recreio’ comprométese a dotar á residencia do equipamento e persoal especializado necesario para o seu correcto funcionamento e a prestar os servizos obxecto do convenio á poboación por el amparada (cidadáns galegos e galegas residentes en Río).
Nesta viaxe, Rey Varela sinalou que “o benestar dos galegos que están vivindo no exterior sempre é unha preocupación para o Goberno de Galicia”. Neste sentido, lembrou a importancia das políticas sociais e asistenciais e a necesidade de continuar promovendo a concesión de axudas para os centros que atenden e prestan apoio ao colectivo de emigrantes.
Así mesmo, encomiou o labor das entidades que tivo a ocasión de visitar, e apuntou que “Galicia e Brasil sempre mantiveron ao longo da historia unha profunda, estreita e permanente relación; que nos toca continuar a favor dos maiores”, concluíu.
‘Praza Compostela’
Previamente á sinatura do convenio, Rey Varela e Rodríguez Miranda participaron na inauguración da Praza Compostela, espazo de convivencia no interior das instalacións do ‘Recreio’ co que se recoñece a relevancia da capital de Galicia e o Camiño de Santiago na actualidade e realidade brasileira, e na que estiveron tamén presentes diversas autoridades locais e da representación diplomática española no Brasil, entre eles o xefe da Sección de Emprego e Seguridade Social da Embaixada, Antonio Casas; o Director del Instituto Cervantes na cidade, Óscar Pujol; ou o Presidente do CRE (Consello de Residentes Españois) de Río, Augusto José Domínguez.
Cómpre lembrar que unha importante porcentaxe de naturais do Brasil engrosa cada ano as cifras de peregrinas e peregrinos que realizan a ruta xacobea, contribuíndo de maneira relevante á internacionalización do bo nome de Galicia. Co recoñecemento oficial en Río á cidade do Apóstolo, afóndase nesa estreita relación entre os pobos brasileiro e galego.
Novas relacionadas



