As circunstancias coas que se enfrontaron no retorno centran o encontro entre Emigración e os bolseiros e bolseiras BEME da UDC

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron un encontro con estas e estes alumnos que se benefician dunha das liñas de apoio ao retorno que forman parte da Estratexia Galicia Retorna.

Nesta universidade están a estudar, grazas a esta bolsa de excelencia académica, 61 galegas e galegos universitarios do exterior, 7 deles no campus de Ferrol.

  • Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
    Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
  • Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
    Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
  • Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
    Imaxe do encontro coas e cos bolseiros BEME celebrado hoxe na Coruña
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 23 de febreiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron  esta mañá, no salón de actos do edificio Amizar, un encontro cos bolseiros e bolseiras BEME que están a cursar un mestrado na Universidade da Coruña. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte esta universidade, que son galegas e galegos retornados do exterior ou descendentes de galegas e galegos, e que obtiveron en 2022 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

As e os alumnos BEME trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

No encontro estiveron tamén presentes a subdirectora de Retorno da Secretaría Xeral da Emigración, Begoña Solís, así como responsables da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno da Coruña, que resolveron as dúbidas e necesidades que expuxeron os bolseiros e bolseiras. 

Na UDC están a estudar este curso 61 alumnas e alumnos, dos que 7 o fan no campus de Ferrol. Proceden de 9 países distintos, sendo Arxentina o país con maior número de beneficiarias e beneficiarios, aínda que tamén proceden de Irlanda, Francia, Venezuela, Uruguai ou Cuba, entre outros. 

Aberta a convocatoria para o próximo curso
Pola súa banda, o secretario xeral recordou que xa se atopa aberta a nova convocatoria destas bolsas para o próximo curso 2023/24.

O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria 2,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

As e os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunhas axudas que van entre os 7.500 e os 12.000 euros, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia. Este ano, e para paliar a situación da inflación actual, as bolsas aumentarán de media uns 500 euros con respecto ao pasado curso. 

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

  • Audio: Declaracións do secretario xeral da Emigración | Descargar
398 lecturas