Emigración recorda en Pontevedra que está aberta a convocatoria BEME e o prazo anticipado para solicitar un máster nas tres universidades galegas
Emigración intercambia impresións sobre o retorno dos bolseiros e bolseiras BEME que cursan un máster no Campus de Pontevedra.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, mantiveron un encontro con estes alumnos e alumnas que se benefician dunha das liñas de apoio ao retorno que forman parte da Estratexia Galicia Retorna.
Neste campus da UVIGO están a estudar, grazas a esta bolsa de excelencia académica 26 galegas e galegos universitarios do exterior, 96 en total nesta universidade.
Nestes intres atópase aberta esta liña de axudas para cursar un máster BEME o próximo curso 2023/24.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, mantiveron esta mañá, no edificio administrativo de Campolongo, un encontro cos bolseiros e bolseiras BEME que están a cursar un mestrado neste campus da Universidade de Vigo. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte esta universidade, que son galegas e galegos retornados do exterior ou descendentes de cidadás ou cidadadáns galegos, e que obtiveron en 2022 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.
As e os alumnos BEME trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.
Na UVIGO están a estudar este curso 96 alumnas e alumnos, dos que 58 o fan no campus de Vigo, 12 en Ourense e 26 en Pontevedra. No campus da cidade do Lérez estudan a través desta bolsa alumnas e alumnos procedentes de 8 países distintos, sendo Arxentina o país con maior número de beneficiarias e beneficiarios, aínda que tamén proceden de Alemaña, Venezuela, Uruguai, Brasil, Bolivia, México e Canadá.
Pola súa banda, o secretario xeral recordou que xa se atopa aberta a nova convocatoria destas bolsas para o próximo curso 2023/24.
O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria 2,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.
As beneficiarias e beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunhas axudas que van entre os 7.500 e os 12.000 euros, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia. Este ano, e para paliar a situación da inflación actual, as bolsas aumentarán de media uns 500 euros con respecto ao pasado curso.
O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.
Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
- Audio - Declaracións do secretario xeral da Emigración | Descargar
Novas relacionadas