Miranda anuncia a publicación mañá da nova convocatoria das bolsas BEME Máster durante o encontro cos bolseiros e bolseiras do presente curso do Campus de Santiago

O secretario xeral da Emigración analizou coas galegas e galegos universitarios do exterior que están a realizar un máster na USC grazas á Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior a experiencia que están a vivir en Galicia.

A convocatoria das bolsas BEME para o curso 2023-2024 publicarase mañá, 2 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia
A convocatoria das bolsas BEME para o curso 2023-2024 publicarase mañá, 2 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, no Auditorio do Museo das Peregrinacións, un encontro cos bolseiros e bolseiras BEME que están a cursar un mestrado na Universdidade de Santiago de Compostela. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte a universidade compostelá, que son galegas e galegos retornados do exterior ou descendentes de galegas ou galegos, e que obtiveron en 2022 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Durante o encontro, o secretario xeral anunciou a publicación mañá, xoves 2 de febreiro da nova convocatoria destas bolsas para o próximo curso 2023/24 no Diario Oficial de Galicia.

Pola súa banda, as e os alumnos BEME trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre os cursos que están a levar a cabo, as problemáticas ás que se enfrontaron ao chegar a Galicia ou as súas inquedanzas por poñer en marcha un negocio ou buscar un emprego para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria 2,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciaatura, enxeñería ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

As e os beneficiarios destas bolsas de excelencia son galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, e deben acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, cunhas axudas que van entre os 7.500 e os 12.000 euros, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia. Este ano, e para paliar a situación da inflación actual, as bolsas aumentarán de media uns 500 euros con respecto ao pasado curso. 

O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

443 lecturas