A Cidade da Cultura recibe a 40 creadoras e creadores emerxentes de Galicia e do resto de España no VIII Encontro de Artistas Novos

O conselleiro de Cultura e Educación destacou que o EAN é xa unha cita de referencia na axenda da arte contemporánea de Galicia e do resto de España.

Ata o xoves, as e os seleccionados na oitava edición do Encontro darán a coñecer os seus traballos nunha residencia artística no Gaiás e optarán a realizar unha intervención nas Torres Hejduk como espazo expositivo non convencional.

Baixo a dirección de Rafael Doctor, o evento ofrece a oportunidade de aprender da man de artistas consolidadas e consolidados como María Moldes, Julio Falagán e Sandra Gamarra.

  • A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
    A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
  • A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
    A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
  • A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
    A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
  • A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
    A difusión deste encontro é unha das medidas comprendidas na Estratexia Emigración 2020 aprobada pola Xunta de Galicia este mes de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2018.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu a benvida aos 40 creadores e creadoras procedentes de Galicia e do resto de España que participan esta semana na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”. As oito edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN, en palabras de do titular de Cultura do Goberno galego, como “un encontro de artistas novos, pero non noveis, como demostra a notable traxectoria, e talento dos e das participantes seleccionados, que ano a ano reforzan o EAN como unha cita de referencia na axenda da arte contemporánea de Galicia e do resto de España”.

O acto, celebrado no Parque do Lago da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do director xeral do Banco Sabadell en Galicia, Pablo Junceda; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do EAN, Rafael Doctor e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Pablo Junceda destacou o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea destacando que “dedicamos todos os recursos que podemos non só a conservar a arte do pasado e do presente, senón a apoiar aos creadores que van ser o futuro da nosa arte e da nosa cultura”.

Pola súa banda, Rafael Doctor quixo lembrar que polo EAN pasaron xa máis de medio milleiro de creadores e creadoras emerxentes, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Artistas convidadas e convidados
A calidade do programa do EAN, que ofrece a oportunidade de dialogar e aprender da man de artistas consolidadas e consolidados así como profesionais do ámbito xornalístico e curatorial, foi outra das cuestións postas de relevancia polo conselleiro de Cultura. Así, nesta edición contarase coa participación de María Moldes, Julio Falagán e Sandra Gamarra, que impartirán senllas conferencias e acompañarán aos e ás participantes ata o vindeiro xoves. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatoras e relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa ou Daniel Canogar.

Pola súa banda, David Barro, Semíramis González e Javier Díaz-Guardiola participarán tamén como observadores ou art followers que, como novidade desta edición, intervirán nunha mesa redonda na terceira xornada do Encontro.

Residencia artística no Gaiás
Ata este vindeiro xoves, os e as artistas emerxentes participantes no EAN8 teñen a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o #EAN8 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC, a Fundación Granell e o DIDAC en Santiago de Compostela, e o Museo de Arte Contemporánea (MAC) na Coruña.

Por último, o Encontro de Artistas Novos ofrece a oportunidade de participar no Certame de Intervencións Artísticas das Torres Hejduk, convocatoria na que, a modo de desafío creativo, se convida a presentar un proxecto para este espazo singular. De feito, o EAN8 rematará coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2017, un traballo que leva por título AAMA, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, do artista andaluz Francisco Ramallo.

604 lecturas