A Casa de Galicia en Madrid clausurou as actividades do ano coa entrega de distincións a diversas personalidades

O broche do acto correu a cargo da violinista húngara Andrea Szamek, que interpretou música tradicional galega e celta.

  • A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de clausura das actividades do ano.
    A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de clausura das actividades do ano.
  • A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de clausura das actividades do ano.
    A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de clausura das actividades do ano.
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 19 de decembro de 2012.

A Casa de Galicia, sede institucional da Xunta en Madrid, acolleu onte o acto de clausura das actividades do ano, no que tamén se procedeu á entrega de distincións a diversas personalidades que colaboraron activamente con esta institución.

"En nome do presidente da Xunta, quen me encarga que lles traslade o seu saúdo persoal e o seu afecto, moitas grazas por estar aquí", dixo o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López. “Foi un ano abundante en actividade, pleno en traballo e rico en contidos", engadiu, como o proban os máis de 300 actos celebrados, entre os que se encontran culturais e de carácter económico-empresarial. Destacou as 32 exposicións de pintura e escultura levadas a cabo, entre elas as de Soledad Fernández, a antolóxica de Carlos Bóveda, ou a realizada sobre o Códice Calixtino en colaboración coa Sociedade de Xestión do Xacobeo. "Presentáronse 23 libros de todos os xéneros e demos acollida a varios proxectos culturais, gastronómicos e sociais. Acollemos lecturas dramatizadas, poéticas e mesmo espectáculos teatrais de maxia e humor", dixo. Tamén a música tivo un importante papel "con recitais e concertos, promovendo valores novos, destacando o concerto de gaita e piano que se ofreceu o Día das Letras Galegas. Foron moi celebrados os grandes ciclos con conferencias sobre temas de máxima actualidade, como o de Medicina e Saúde, que coordinou o Prof. Pérez Vázquez e que contou coas máximas figuras da Sanidade madrileña, clausurado pola conselleira de Sanidade, Dra. Farjas, hoxe secretaria Xeral do ministerio de Sanidade e Consumo, aquí presente,".

Entre os actos que acolleu a Casa, Ónega evocou varios, entre eles os celebrados polo "o Ilustre Colexio de Avogados de Madrid co Encontro Internacional de Avogados, que contou coa participación dos máximos representantes dos Colexios de Avogados de todo o mundo, singularmente de Europa, África e Iberoamérica,". Tamén elixiron a nosa sede para as súas reunións o "Comité Permanente da Conferencia de Presidentes dos Parlamentos Autonómicos, e presentouse o "Manual de Actuación do Parlamento", pola Presidenta do Parlamento de Galicia, dona Pilar Rojo. Colaboramos activamente no Proxecto de Investigación "Galicia Mundi", cun traballo de campo realizado en Madrid pola Universidade de Santiago, sobre o asociacionismo galego no exterior e os retos en materia educativa, social e cultural que vén analizando o asociacionismo galego en diferentes partes do mundo. Reuniuse aquí, así mesmo, o Grupo das 13 Cidades Patrimonio da Humanidade de España, efectuándose, na última, unha presentación aos medios de comunicación especializados, unha cata de produtos gastronómicos das 13 cidades. Este acto presidiuno o Alcalde de Santiago de Compostela Don Ángel Currás, aquí presente,".

O delegado tamén salientou que "numerosas empresas presentaron os seus produtos e celebraron moitas reunións de traballo, dende firmas gastronómicas a consultoras multinacionais e empresas de moda. Como exemplo cabe citar a "Equantia Global", Banco Echevarría ou a presentación da colección de moda primavera-verán 2013 do deseñador galego Jose Matteos. Así mesmo, o Concello de Lalín, cuxo alcalde nos honra coa súa presenza, trouxo a esta Casa a presentación do Cocido de Lalín". O obxectivo da Casa segue sendo "a promoción e difusión da cultura, a economía e o turismo de Galicia, na capital de España,".

"Visitaron a Casa neste ano personalidades destacadas do mundo da política, a empresa, a Igrexa, a xustiza, a diplomacia, as Administracións Públicas, o Parlamento e un longo etcétera. Ministros, secretarios de Estado, subsecretarios, deputados e senadores, autoridades autonómicas, xudiciais, alcaldes, presidentes de empresas, etcétera, honráronnos coa súa presenza nos diversos actos celebrados. Déixenme que cite, en representación de todos eles, o Presidente do Consello de Estado Sr. Romay Beccaria, ao Presidente do Tribunal Constitucional, Don Pascual Sala, á ministra de Fomento, Dona Ana Pastor, a varios señores maxistrados do Tribunal Supremo e outros órganos xudiciais, ao Presidente do Consello Xeral da Avogacía e Presidentes de Parlamentos Autonómicos".

"Permítanme que destaque algo moi importante", dixo Ónega, abrimos as portas desta Institución ás Asociacións Galegas en Madrid que teñen aquí o seu espazo e o seu territorio para celebrar reunións, asembleas e cantas actividades consideren convenientes. Os Empresarios galegos, os Xuristas galegos, os Médicos galegos, os Xornalistas galegos, a Orde da Vieira, o Seminario "José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos", e outras teñen aquí a súa casa".

Seguidamente, procedeuse á entrega de diplomas, cuxo protocolo incluía a lectura dun breve currículo da  persoa galardoada, a entrega da distinción por outra personalidade das que xa confirmaran a súa asistencia e unhas breves palabras do diplomado ou diplomada.

Nesta ocasión as persoas galardoadas foron: José María Álvarez del Manzano, exalcalde de Madrid e presidente de IFEMA; Mariluz Barreiros Ramos, presidenta da Fundación Eduardo Barreiros; Francisco Cal Pardo, enxeñeiro Industrial e presidente de Tecniberia; José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; Anxo Currás Fernández, alcalde de Santiago de Compostela; Antonio Fernández de Buján e Fernández, catedrático de Dereito Romano e Premio "Castelao 2011"; Manuel Jesús García Garrido catedrático de Dereito Romano e exreitor das Universidades de Santiago de Compostela e da UNED; Juan González-Cebrián e Tello, diplomático e exvoceiro e director de Relacións cos Medios de Comunicación da Casa de Súa Maxestade El Rei; Fernando Ónega López, xornalista; Álvaro Rodríguez Bereijo; expresidente do Tribunal Constitucional; Manuel Seixas Calviño, empresario; Jesús Souto Prieto, maxistrado do Tribunal Supremo; Darío Villanueva Prieto, académico e secretario xeral da Real Academia Española.

Entre os que entregaron as distincións estiveron os catro anteriores directores da Casa: Díaz Rey, Ferreiro Piñeiro, López Vilas e Sobrado Pombais. Tamén o fixeron o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; Piar Farjas; Xullo Lage; Ramón Villares; Lema Devesa; Piar Falcón e Ramón Trillo.

A música tamén ocupou unha parte importante no desenvolvemento do acto: mentres que o inicio estivo arroupado polos sons do grupo de gaiteiros da Xuntanza de Galegos en Alcobendas, o broche púxoo a violinista húngara Andrea Szamek, que interpretou música tradicional galega e celta como "Son do ar", e a Muiñeira de Chantada. Como non podía ser doutro xeito, o himno galego puxo as notas finais do encontro.

839 lecturas