Camba participa nos actos do Día de Galicia en Asturias

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, asistiu este domingo aos actos organizados pola Asociación Día de Galicia en Asturias, celebración que ten lugar unha vez ao ano e que pretende honrar os fortes e fondos lazos que unen ambas Comunidades Autónomas.

Ás doce do mediodía, Camba e outras autoridades do Principado, e representantes da diáspora galega en Asturias, compartiron unha misa cantada por Tina Gutiérrez na catedral de Oviedo. Posteriormente, tivo lugar a imposición de insignias de ouro e entrega de carnés de socio de honra, acto central da xornada, na Sala de Cámara do Auditorio Príncipe Felipe.

Malia o seu nome, os actos do Día de Galicia en Asturias adoitan prolongarse durante unha semana, e de feito, nesta XVI edición, comezaban o pasado día 6 coa apertura dunha exposición, no citado Auditorio, co gallo do trixésimo aniversario da ATV (Asociación de Vítimas do Terrorismo), mostra que permanecerá aberta ata o día 11.

Asemade, o venres tiña lugar un encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio de Oviedo, e o sábado –tamén no Auditorio- celebrábase un concerto da violinista Riobó e o seu grupo, e do gaiteiro Anxo Lorenzo, nunha homenaxe aos homes e mulleres dedicados á minería, e tamén en celebración do trixésimo aniversario do Oviedo Moderno de fútbol feminino.

No acto de imposición das insignias de ouro, entréganse carnés de honra a diversas personalidades destacadas por algún evento ou circunstancia, habitualmente dalgunha das dúas comunidades. Nesta XVI edición, os galardoados foron o empresario Mario Conde, e o presidente do Centro Asturiano de Oviedo, Alfredo Canteli.

Irmandamento
Unha vez concluído o acto, os e as asistentes compartiron xantar oficial, no que o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, tivo a oportunidade de dirixirse aos e ás asistentes para lembrar os múltiplos lazos que unen Galicia e Asturias, e que fornece o vivo irmandamento destas dúas Comunidades Autónomas.

Camba gabou o feito de que un galego en Asturias, e un asturiano en Galicia, pode sentirse como na casa, e afirmou que “o asturiano é un dos pobos máis hospitalarios do mundo”, polo que as comunidades galegas no Principado non tiveron xamais especiais problemas de adaptación.

O secretario xeral da Emigración agradeceu o apoio e solidariedade amosada historicamente por Asturias cos galegos e galegas, e afirmou que “se volven vir mal dadas, e todo parecer indicar que será así, Galicia saberá recompensarvos”. Neste senso, agradeceu o traballo realizado polos asturianos e asturianas na nosa terra, grazas tamén aos cales “Galicia é hoxe un interesante crisol de culturas”.

 

Foto: Galicia en el Mundo

1202 lecturas