Santiago Camba: “Galicia necesita dos seus fillos no exterior para configurar o seu papel na historia que nos tocou vivir”.

O Secretario Xeral da Emigración inaugurou en Caracas o "Congreso da Xuventude Galega e descendentes residentes en Venezuela", no que participaron máis dun cento de mozos e mozas.

“Non creo que Galicia sexa unha realidade circunscrita as súas fronteiras físicas, senón que ao contrario vemos á nosa terra como unha realidade humana con múltiples asentamentos no noso planeta”, explicou.

Refírese aos residentes galegos no exterior como “un dos principaos activos con que conta a nosa comunidade” e sinala a necesidade de articular un espazo de integración para a xuventude galega no exterior.

Resalta a promoción do “diálogo interxeracional” como un dos maiores retos da galeguidade no presente.

Listen to this page using ReadSpeaker
22 de novembro de 2010.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, resaltou este venres en Caracas, durante a inauguración do "Congreso da Xuventude Galega e descendentes residentes en Venezuela", o importante papel que desempeñan os residentes no exterior no conxunto da sociedade galega. “Galicia necesita dos seus fillos no exterior para configurar o seu papel na historia que nos tocou vivir”, sinalou. E engadiu: “Non creo que Galicia sexa unha realidade circunscrita as súas fronteiras físicas, senón que ao contrario vemos á nosa terra como unha realidade humana con múltiples asentamentos no noso planeta, principalmente no continente americano e europeo”.

Así, o responsable de Emigración da Xunta de Galicia referiuse aos residentes galegos no exterior como “un dos principais activos con que conta a nosa comunidade”, e lembrou as actuación da Xunta de Galicia a favor da mocidade e da emigración, “reflectidas como un eixe estratéxico de acción dentro do Plan Integral de Emigración 2010-2013”.

Neste sentido, Camba recordou, tamén, as conclusións do IX Consello das Comunidades Galegas, celebrado en decembro do ano pasado, que facía referencia á necesidade de articular un espazo de integración para a mocidade galega no exterior. “Sodes vos, as mozas e mozos galegos, os que debedes de formular as estratexias de traballo para a vosa integración efectiva na galeguidade. Sodes donos da vosa realidade e responsables para fixar o voso compromiso para que o mantemento dos lazos sociais, culturais e económicos entre a Galicia interior e a exterior sexa unha realidade neste século XXI”, incidiu.

Diálogo interxeracional
Así mesmo, o Secretario Xeral da Emigración sinalou a promoción do “diálogo interxeracional” como un dos maiores retos da galeguidade no presente. Un reto que, ademais, animou a afrontar aos asistentes ao Congreso: “Estades aquí porque queredes ser protagonistas da mellora de Galicia e dos galegos”.

“Desexo que os próximos días sexan frutíferos no intercambio de experiencias e coñecementos e, sobre todo, que esta actividade non sexa un feito illado, senón o xerme dunha nova galeguidade que dé continuidade á heroica e esforzada historia da nosa emigración”, concluíu.

1821 lecturas