Camba agarda que en 2011 o Goberno central sexa máis sensible ás necesidades da diáspora e dos inmigrantes.

No balance do ano 2010, o secretario xeral da Emigración recorda o mantemento das políticas sociais da Xunta, fronte aos recortes do Goberno de España.

Camba reprocha ademais ao Executivo central que non se teña regularizado aos fillos ou netos de emigrantes, nin regulado o voto no exterior.

Listen to this page using ReadSpeaker
27 de decembro de 2010.

No balance xeral do ano 2010 que está a piques de rematar, o e secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, ven de lembrar a necesidade dunha maior coordinación entre administracións para satisfacer as necesidades –cada vez máis urxentes, cada vez máis precarias- do colectivo de emigrantes galegos na diáspora. “Por desgraza, 2010 vai pasar á memoria coma o ano en que o Goberno Central demostrou a súa falta de sensibilidade cara os emigrantes e inmigrantes”, sostén Camba.

Neste senso, o secretario xeral da Emigración contrapuxo o esforzo orzamentario que está a realizar a Xunta, en plena época de crise, coa actitude de recorte económico nesta materia posta en marcha polo Executivo central. “As contas da Xunta reflicten un mantemento dos programas e contías de tódolos eixos en materia de protección e prestacións sociais, fronte a unha clara redución das axudas a colectivos desfavorecidos que podemos ver tódolos días” nas decisións adoptadas polo Goberno con sede en Madrid.

Camba engade asemade que “o 2010 serviu para poñer de novo sobre a mesa algúns incumprimentos graves do Goberno Central en materia de Emigración, tales como a falta de regularización dos fillos e netos de galegos, especialmente en Iberoamérica, ou a falta de transparencia nos datos e censos de galegos e españois no exterior. Semella que o Goberno central non ten interese ningún en que as Comunidades Autónomas fagamos o noso traballo, desenvolvamos as nosas competencias neste eido”.

Coa crise, menos inmigración
O secretario xeral da Emigración desexa “achegar a tódolos galegos, tamén aos que non están na Galicia territorial, o desexo da Xunta dun ano ventureiro. E quixera facelo especialmente a aqueles que son de aquí e arestora non están aquí, pero tamén aos que non son de aquí e residen entre nós, porque xa forman parte de nós, xa son tecido para fornecer Galicia”.

O INE cifra en algo máis de 100.000 as persoas inmigrantes que residen en Galicia, aínda que esa cifra aproximada non supón sequera o 5% da poboación total da Galicia territorial. O titular da Emigración da Xunta afirma que “sí estamos a notar que, coa crise, o incremento no número de inmigrantes comeza a diminuír por primeira vez nos últimos anos”.

1674 lecturas