A arquitectura viguesa nacida do diñeiro indiano

O investigador José Ramón Iglesias recolle nun libro a achega de emigrantes con fortuna á paisaxe da cidade e a súa bisbarra.

  • Manuel Rodríguez, porriñés, creou varias empresas en Panamá, antes de residir en Guayaquil. Foto: Xoán Carlos Gil
    Manuel Rodríguez, porriñés, creou varias empresas en Panamá, antes de residir en Guayaquil. Foto: Xoán Carlos Gil
  • José García Barbón. Aportacións enormes dende o punto de vista filantrópico, urbanístico e arquitectónico. Foto: Gustavo Rivas
    José García Barbón. Aportacións enormes dende o punto de vista filantrópico, urbanístico e arquitectónico. Foto: Gustavo Rivas
  • Manuel Álvarez. Tras unha estadía en Cuba e Alemaña, funda a fábrica Santa Clara, actualmente en ruínas. Foto: Capotillo
    Manuel Álvarez. Tras unha estadía en Cuba e Alemaña, funda a fábrica Santa Clara, actualmente en ruínas. Foto: Capotillo
  • Policarpo Sanz. Entre as súas achegas a Vigo está o instituto Santa Irene, que leva o nome da súa muller. Foto: Xoán Carlos Gil
    Policarpo Sanz. Entre as súas achegas a Vigo está o instituto Santa Irene, que leva o nome da súa muller. Foto: Xoán Carlos Gil
  • Ramón González. Nacido en Ribadeo, contratou a Antonio Palacios para levantar a nova casa consistorial, de estilo rexionalista.
    Ramón González. Nacido en Ribadeo, contratou a Antonio Palacios para levantar a nova casa consistorial, de estilo rexionalista.
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 21 de maio de 2013.

A colección Vigo na memoria, que edita o Instituto de Estudos Vigueses, inclúe, dende esta semana, un completo estudo sobre a influencia das fortunas creadas pola emigración galega en América, as e os coñecidos popularmente como indianos, na arquitectura da bisbarra viguesa. O responsable deste extenso traballo é José Ramón Iglesias Veiga, doutor en Historia da Arte e membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses.

Arquitectura e indianos na cidade de Vigo e bisbarra está estructurado en dez capítulos, nos que o autor percorre, ordenadamente, as achegas das grandes e medianas fortunas á paisaxe urbana e rural da zona estudada. Tras cuestionarse a existencia dunha arquitectura singular asociada ás e aos promotores indianos, Iglesias Veiga aborda a incidencia das e dos emigrantes retornados e retornadas na expansión urbana. Entre os exemplos que recolle está a achega de García Barbón á apertura da Gran Vía. O filántropo verinés posuía un gran terreo entre as rúas Cuba e Hernán Cortés, denominado Terreo da mina do pito ou tamén Casablanca. En 1907, José García cedía unha parte importante deste terreo para abrir o primeiro tramo da actual Gran Vía.

Tras explicar a creación dunha zona residencial na actual Praia América [entón coñecida como praia de Lourido], grazas á influencia do miñorano Manuel L. Lemos, o investigador resalta o papel de indianos, como Martín Echegaray, Manuel Losada, Concepto López e Victorio Pig na constitución da empresa de tranvía urbano de Vigo, elemento vertebrador non só nas comunicacións interiores senón que tamén facilitou o desenvolvemento industrial no municipio do Porriño.

Pero tamén o capital creado en América foi reinvestido en Vigo, como é o caso de Sanjurjo Badía, Alonso Santodomingo ou Manuel Álvarez, todos fundadores de importantes empresas na cidade. Continúa o discurso expositivo do libro co catálogo de edificios singulares, no que se sitúa o antigo reitorado do Areal, pertencente a Fernando Carreras; o edificio do hotel Palacio de Vigo, obra de Pacewicz para García Barbón; o edificio Bonín, construído por Jenaro de la Fuente Domínguez para Manuel Rodríguez; ou o mesmo Teatro García Barbón, hoxe Centro Cultural Novacaixagalicia, deseñado por Antonio Palacios.

Casas e mausoleos
A arquitectura doméstica de promoción indiana está ben representada na bisbarra viguesa, con exemplos notables. Aparecen aquí as vilas: Vila Angelita do Porriño, Vila Elisa de Redondela ou Vila Su América de Gondomar. Iglesias Veiga inclúe as grandes casas non construídas por indianos pero que si foron compradas por eles ou elas, como é o caso de Torres de Agrelo, en Redondela.

O afán por mellorar as condicións educativas da bisbarra foi unha constante na acción das e dos emigrantes afortunados. Das súas capitais levantáronse as Escolas Neto Arte e Oficios ou a escola de Bouza doada por Tomás A. Alonso.

Tamén na morte quixeron marcar posicións as e os indianos. Un paseo por Pereiró, comprobando as súas últimas moradas, axuda a recordar os gloriosos pasados de Policarpo Sanz, Sanjurjo, García Barbón ou Manuel Santos. Outro tanto acontece cos cemiterios dos outros municipios.

 

Fonte e fotos: La Voz de Galicia

1326 lecturas