A Xunta convoca oito bolsas de formación para ensinar galego en distintas universidades de España, Portugal, Italia e Brasil

O Consello dá visto bo á convocatoria dotada de máis de 300.000 euros para lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en Barcelona, Estremadura, Granada, Lisboa, Madrid, Padua, Río de Xaneiro e São Paulo.

Enmárcase no compromiso do Goberno galego por divulgar e promover o galego e tamén por facilitar a inserción laboral das e dos profesionais da lingua incorporándoos aos centros de estudos galegos de distintas partes do mundo. 

Imaxe do Consello da Xunta desta semana
Imaxe do Consello da Xunta desta semana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020.

O Consello da Xunta vén de dar visto bo á convocatoria pública de oito bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en distintas universidades de España e de países como Portugal, Italia e Brasil cun investimento global de máis de 300.000 euros, dentro do compromiso do Goberno autonómico por promover e divulgar a lingua galega fóra de Galicia e apoiar laboralmente ás e aos profesionais que se dediquen á docencia.

O programa de formación terá un marcado carácter práctico e durará tres anos. Estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galega. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades no marco do convenio asinado coas universidades de destino, que nesta convocatoria son a Universitat de Barcelona, a Universidade de Estremadura, a Universidade de Granada, a Universidade Nova de Lisboa, a Universidade Complutense de Madrid, a Universitá degli Studi di Padova, a Universidade do Estado do Río de Xaneiro e a Universidade de São Paulo.

Poderán participar as persoas menores de 35 anos que estean en posesión dalgunha das titulacións de Filoloxía Galega, Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego; o grao en Lingua e Literatura Galegas; o grao en Estudos de Galego e Español; o grao en Galego e Portugués ou a licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, teñan cursados determinados créditos en galego. Tamén poderán participar as lectoras e lectores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

Preto de 30 universidades con lectoras e lectores
A convocatoria destas bolsas de formación enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por difundir a lingua e literatura galegas no mundo a través de diferentes convenios para fomentar a docencia en galego. Os máis recentes veñen de ser aprobados en Consello recentemente coa renovación da colaboración coas universidades en Alemaña, Portugal e en Cataluña, Castela e León e Madrid cun investimento de máis de 200.000 euros.

Con todas estas accións a Xunta de Galicia está a facilitar que a día de hoxe o galego poida estudarse en ata en 36 universidades (9 nacionais e 27 internacionais). Dentro delas, 27 contan con lectoras e lectores –profesoras e profesores auxiliares que ensinan a lingua en determinados centros de ensinanza–, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de Lingua Galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización, etc.). Así mesmo, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

A través desta convocatoria de formación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove unha oportunidade para que as e os profesionais da docencia se incorporen aos centros de estudos galegos e se poidan situar nunha mellor posición de cara a unha futura inserción laboral. O programa de formación complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en exclusiva para o colectivo de lectoras e lectores de lingua e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar, ou de completar, estudos de posgrao nas universidades de destino.

En imaxes
274 lecturas