A Xunta promove o estudo do galego en Alemaña, Portugal e nas comunidades de Cataluña, Castela e León e Madrid cun investimento de máis de 200.000 euros

O Consello dá o visto e prace á renovación dos convenios coa Universidade do Minho, a Universitat Autónoma de Barcelona, a Universidade de Salamanca e a Universidade Complutense de Madrid para a docencia, a investigación e promoción da lingua.

Tamén se amplía a colaboración coa Universität Heidelberg de Alemaña para colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade de Viena.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 36 universidades nacionais e internacionais.

  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
  • Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
    Imaxe do Consello da Xunta de Galicia celebrado este xoves
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade renovou a súa colaboración con universidades de distintas partes do mundo para promocionar a lingua, a literatura e a cultura galegas no ámbito académico tanto en varias comunidades españolas como en países como Alemaña e Portugal, cun investimento superior aos 200.000 euros. En concreto, o Consello da Xunta deu luz verde á sinatura dos convenios coas universidades de Salamanca, a Autónoma de Barcelona, a Complutense de Madrid así como coa Universidade do Minho. Tamén se aprobou o incremento do apoio á Universität Heidelbeg de Alemaña para a docencia do galego no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Viena. 

En virtude destes convenios, no eido internacional promoverase o estudo do galego tanto en Portugal como en Alemaña. Por unha banda, dáse continuidade á colaboración coa Universidade do Minho cun convenio que agora se estenderá ata 2022. Esta colaboración permitirá reforzar o ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos plans de estudo do Instituto de Letras e Ciencias Humanas, cunha carga lectiva de galego de 84 horas extracurriculares de galego; con 45 horas lectivas para a materia de Literatura e Cultura galegas das licenciaturas de Estudos Portugueses e Lusófonos e Linguas e Literaturas Europeas; así como con 30 horas máis para a materia opcional de Lingua e Cultura de Galicia en varias licenciaturas da Universidade do Minho. 

No caso de Alemaña, o Consello da Xunta autorizou ampliar o convenio asinado o ano pasado coa Universität Heidelberg, incrementando a contía en 30.250 euros máis que permitirán desenvolver un proxecto de colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade de Viena, e ofertar ata 2022 dous cursos de lingua galega anuais e un seminario de estudos culturais e lingüísticos, así como o desenvolvemento de proxectos científicos comúns no ámbito da filoloxía galega. Con esta mellora, a colaboración da Xunta coa universidade alemá supera xa os 100.000 euros.

No ámbito nacional, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén renova a súa colaboración coa Universitat Autónoma de Barcelona, por máis de 61.000 euros, coa de Salamanca por máis de 53.000 euros, e coa Complutense de Madrid, por 12.000 euros, facendo posible que se poidan estudar varios niveis de galego, así como de literatura e cultura galegas en cada unha destas universidades. 

A maiores destas materias, as tres diferentes universidades organizarán actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura, da cultura galegas, tales como cursos, conferencias, seminarios, congresos, etc. Ademais, durante a vixencia de cada un dos convenios acollerán o lector ou lectora que destinará a Xunta de Galicia e adquirirán o material preciso para realizar as ditas accións. 

Ademais da achega económica, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade prestará a orientación e o apoio pedagóxico e didáctico que demanden as universidades e difundirá as actividades desenvolvidas ao abeiro deste acordo.

Presenza do galego no ámbito académico
Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 36 universidades (9 nacionais e 27 internacionais). Dentro delas, 27 contan con lectoras ou lectores –licenciados e licenciadas en Filoloxía Galega–, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de Lingua Galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Así mesmo, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

En imaxes
311 lecturas