"Hoxe tocar innovar", di Méndez Ferrín na presentación da nova páxina da Real Academia Galega

Inclúe o novo Dicionario electrónico, con máis de 50.000 entradas e a posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.

O presidente valora a web como un paso adiante no proceso de modernización da institución e un salto cualitativo en canto a volume e organización de información sobre a Academia, as súas producións e arquivos. Con esta nova ferramenta a RAG reafírmase na súa vocación de servizo público e transparencia de funcionamento.

Listen to this page using ReadSpeaker

Nova web da Real Academia Galega. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, presentou este venres 30 de marzo, en rolda de prensa, a nova web da institución e o Dicionario electrónico galego. Tamén estiveron presentes o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, e o codirector do Dicionario, Manuel González.

En palabras de Méndez Ferrín: "Hoxe na Academia toca innovar. Con esta web a Academia sae desta casa venerable para entrar na casa de todos. É o momento de estar moi presentes na sociedade e a Academia cumpre con este mandado".

Nesta nova xeira, a web achega cumprida información da vida académica e facilita o coñecemento, primando dúas áreas que son o cerne da institución: velaí probablemente a base de datos máis completa sobre as figuras homenaxeadas nas Letras Galegas. E aínda máis. A RAG prima a transparencia, indicando cales son os acordos e os convenios que financian a institución. Inclúe información sobre a vida académica, poñendo directamente ao dispor do público fotogalerías e resumos videográficos dos actos. Por outra banda, debulla e valoriza o seu patrimonio: biblioteca, hemeroteca, arquivo, publicacións e recursos quedan patentes e á vista de todos. Os catálogos, alí onde se pode, facilitan tamén a consulta na rede dos fondos. Na hemeroteca fíxose un esforzo de dixitalización e consulta en liña, e a súa conexión coa rede de bibliotecas dixitais europeas: Europeana, Hispana e Galiciana.



Así mesmo contempla dúas novidades temáticas: un apartado específico sobre a nosa lingua e o seu uso, unha información pensada, sobre todo, para un público foráneo que se achega á Academia como á autoridade científica neste campo. E máis o que chamamos "destaques comentados", que, cunha actualización frecuente, irán dando conta de pezas senlleiras coas que conta a institución.

O novo Dicionario electrónico
Con máis de 50.000 entradas, o novo Dicionario da Real Academia Galega xa é consultable e, entre outras utilidades, conta coa posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.

Elaborado a partir dun amplo corpus do galego moderno, o seu carácter é normativo, polo que unha busca no Dicionario ofrece información sobre a pronuncia, grafía e significados correctos da palabra. Achega, ao mesmo tempo, información gramatical (xénero dos substantivos, formación do feminino, réxime dos verbos...) e, cando é pertinente, sobre o nivel de uso (rexistro formal ou familiar). As acepcións do termo buscado acompáñanse de sinónimos, antónimos e voces próximas semanticamente, ademais de ilustrarse con varios exemplos de uso. Asemade, o Dicionario incorpora a terminoloxía científica manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos correspondentes.

No que se refire á súa consulta en liña, a páxina propón un sistema preditivo de busca que facilita a procura do termo. Na marxe dereita preséntanse os termos máis buscados polo público e a definición dunha "palabra á toa", ademais dun formulario que permite enviar calquera suxestión para favorecer unha mellora constante do dicionario. Ademais, unha aplicación permítenos enviar a Twitter a procura realizada, contribuíndo, deste xeito, á socialización do galego no seo das redes sociais.

Estamos, finalmente, perante un dicionario que pretende ser respectuoso cos dereitos das persoas, dos grupos sociais e dos pobos; un dicionario que ten en conta o principio de igualdade e rexeita as discriminacións por razóns de xénero, raza ou relixión.

 

Fonte: Real Academia Galega | Foto: Real Academia Galega

1095 lecturas