O conselleiro de Cultura e Educación participa na lembranza a Rosalía de Castro do colexio galego arxentino “Santiago Apóstolo”

Xesús Vázquez Abad percorreu hoxe o centro educativo, no que máis de 400 alumnas e alumnos cursan estudos de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reuniuse ademais co ministro de Educación da cidade de Bos Aires para abordar vías de colaboración no eido das tecnoloxías da información e da comunicación e en materia de homologación de estudos, en prol do incremento da calidade educativa.

Xesús Vázquez Abad participou na lembranza que o colexio “Santiago Apóstolo” fixo co gallo dos 150 anos de 'Cantares Gallegos'
Xesús Vázquez Abad participou na lembranza que o colexio “Santiago Apóstolo” fixo co gallo dos 150 anos de "Cantares Gallegos"
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 3 de maio de 2013.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na lembranza que o colexio galego-arxentino “Santiago Apóstolo” fixo de Rosalía de Castro, coincidindo coa conmemoración dos 150 anos de Cantares Gallegos. A celebración tivo lugar despois da visita que o conselleiro realizou ás instalacións do Centro Galicia en Bos Aires, onde se reuniu con membros da Fundación Galicia América, así como ao propio colexio “Santiago Apóstolo”, en cuxo libro de ouro deixou a súa sinatura. Neste percorrido o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, Manuel Peleteiro Pérez; e polo presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén; así como por autoridades da fundación e corpo directivo docente.

No marco da súa viaxe institucional a Arxentina o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reuniuse hoxe ademais co ministro de Educación da cidade de Bos Aires, Esteban José Bullrich. Froito da reunión, téñense establecido contactos para o desenvolvemento dun traballo conxunto no eido das novas tecnoloxías da información e da comunicación, polo cal levarase adiante un proxecto piloto no que participará a Escuela Galicia de Bos Aires e algún centro educativo punteiro da nosa comunidade. Este acordo permitirá o intercambio de experiencias e saber-facer na procura dun incremento da calidade educativa. A cidade de Bos Aires acumula, neste sentido, unha ampla traxectoria de intercambio de experiencias de traballo con outros países da rexión como Uruguai, Brasil e Ecuador.

No devandito encontro abordáronse ademais as posibles vías de colaboración que se poden establecer para axilizar a homologación de estudos. Non en balde a Xunta de Galicia tramitou desde 2009 un total de 490 expedientes –un 7,67% do total– de alumnado que cursou ensinanzas no sistema educativo arxentino e que solicitaba obter a validación correspondente no ensino español. O obxectivo do encontro é que as cidadás e os cidadáns que realicen este trámite poidan facelo a través dun proceso máis sinxelo e rápido, froito da colaboración entre o Goberno galego e o de Bos Aires.

Promoción da cultura galega no exterior
Na súa visita ao “Santiago Apóstolo”, Vázquez Abad felicitou ao colexio polo seu labor de promoción e difusión da cultura galega entre a colectividade galega na Arxentina, a maior no exterior. Neste sentido valorou celebracións como a desenvolvida hoxe no centro, en lembranza da figura rosaliana, que unen a Galicia da diáspora coa peninsular esquecendo as distancias, e mantendo a esencia da nosa identidade nos descendentes de todos aqueles e aquelas que xa non están na nosa terra.

A cerimonia conmemorativa foi presentada por alumnos e alumnas do centro, que recitaron 8 anacos de Cantares Gallegos: a dedicatoria, parte do prólogo, e os poemas Nasín cand´as prantas nasen; Quíxente tanto, meniña; Campanas de Bastabales; San Antonio bendito; Airiños, airiños aires; e Castellanos de Castilla. O acto pechouse cunha actuación do coro escolar, que interpretou Adios ríos, adios fontes e Maio longo.

Un ensino bicultural
O Colexio “Santiago Apóstolo” naceu da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires –a través da Fundación Galicia América– co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural no país que alberga a maior colonia de galegos e galegas na diáspora. O “Santiago Apóstolo” viu facer realidade o vello desexo da colectividade de Galicia na Arxentina de contar cun colexio galego, un proxecto que comezou a súa andaina da man do Centro Galicia de Bos Aires –fundado en 1979– nos anos 80 do século XX contando co apoio da Xunta.

O centro abriu as súas portas en 1998 e nestes 15 anos de historia foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis inicial, primario e secundario. Desde 2003 o colexio conta cun departamento de Lingua e Literatura Galega que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e riscos da identidade e da cultura do noso país no centro, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. Na actualidade máis de 400 alumnas e alumnos cursan no “Santiago Apóstolo” as materias de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

836 lecturas