A sociedade galega Hijos de Lorenzana celebrou a tradicional festa do Conde Santo

Tamén festexou os aniversarios do primeiro semestre do ano.

Listen to this page using ReadSpeaker
6 de outubro de 2012.

Josefina Rodríguez, presidenta da entidade, diríxese ás e aos asistentes. Foto: España Exterior.A sociedade galega Hijos de Lorenzana celebrou o pasado mes de setembro a festividade do Conde Santo cunha actividade sociocultural que se desenvolveu no salón de actos do antigo Pazo do Centro Galego da Habana.

Coas palabras de Josefina Rodríguez Rodríguez, presidenta de Hijos de Lorenzana, quedou inaugurada a actividade. Durante a súa intervención deu a benvida a máis dun centenar de asociadas e asociados que foron informados sobre a historia desta tradicional festa patronal de Lourenzá que se celebra todos os anos a finais do mes de agosto.

Así mesmo, a ocasión foi propicia para a celebración dos aniversarios colectivos correspondentes ao primeiro semestre do ano, polo que os asociados e asociadas que foron homenaxeados gozaron dunha fermosa torta de aniversario.

A parte artística da reunión estivo a cargo de tres coñecidos e coñecidas intérpretes da canción, os cantantes Victoria Torrado, Loreto Ciro Suárez e o novo tenor do Teatro Lírico Nacional, Saeed Mohamed Valdés. A celebración concluíu cunha merenda.

Hijos de Lorenzana conta actualmente con 297 persoas asociadas, das cales 14 son de orixe galega, unha madrileña, 145 son descendentes españolas e o resto cubanos e cubanas.

 

Fonte: España Exterior | Foto: España Exterior

832 lecturas