A A.C.G. 'Rosalía de Castro' de Cornellà fallou os premios do seu Certame de poesía en lingua galega 2020

Imaxe da reunión telemática do xurado
Imaxe da reunión telemática do xurado
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.

O venres, 27 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega “Rosalía de Castro”, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona), que este ano acada a súa  XXXIVª edición, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Lupe Gómez Arto polo seu poema Coplas a Lola.

O xurado desta XXXIVª edición do Certame, en reunión telemática, estivo composto pola presidenta, Rexina Vega; vicepresidenta, Anxos Sumai; vogal 1º, Armando Requeixo Cuba; vogal 2º, Cristina Corral; vogal 3º, Domingo Tabuyo; vogal 4º: Amauta Castro; e, actuando como secretario, Xulio Couxil Vázquez. Despois das deliberacións oportunas, acordaron conceder premios aos seguintes poemas: 1º Premio: Poema nº 15;  2º Premio: Poema nº 68;  3º Premio: Poema nº 20.

Abertas as plicas correspondentes comprobouse que as gañadoras e gañadores son:

  • 1º Premio: Coplas a Lola, de  Lupe Gómez Arto
  • 2º Premio: O Perigo de estar exhaustos, de Marcus Daniel Cabada Candal. 
  • 3º Premio: Dakota: Memoria lírica da emigración, de  María Álvarez Martínez (Masha Rakolnikova). 

O Xurado fai unha mención especial, accésit, para o nº 25, O Matrimonio é unha nasa, de Francisco Javier Fernández Dávila. 

Notas que acompañan á decisión dos Premios
Coplas a Lola, de Lupe Gómez, é un poemario de estrutura precisa no que, a través de coplas, poemas narrativos e versos curtos coa luminosidade conceptual dos haiku, a autora mergúllanos na memoria comunal aldeá,  nucleada ao redor da “avoa?” morta.  A vivencia da paisaxe, a conciencia de clase e de xénero, a melancolía e a forza da lembranza celébranse a través de poderosísimas e inéditas imaxes.

En O Perigo de estar exhautos, Marcus Daniel Cabada,  achéganos á unha reflexión sobre a sensación de esgotamento que conecta extraordinariamente coa vivencia da sociedade actual. Salienta o notable traballo formal e a fondura coa que o autor abre interrogantes de carácter existencial.

María Álvarez Martínez ofrece na súa Memoria lírica da emigración un achegamento fresco e sorprendente á vivencia dos lugares de emigración, mesturando referencias á Galicia natal e ás paisaxes norteamericanas.

O Matrimonio é unha nasa, de Francisco Javier Fernández Dávila, é unha proposta irreverente, que, fuxindo abertamente da linguaxe literaria, consegue mediante poemas mínimos provocar un alude de imaxes que producen nan e no lector sorpresa e riso irónico.

Actividades da entidade
Con este acto, a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro pecha as actividades que tiña previsto desenvolver ao longo do ano, mais o virus que este 2020 afectou a todo o mundo fixo que a grande maioría de actos previstos tiveran que suspenderse e algúns que si se realizaron quedaron reducidos á mínima participación e de xeito telemático.  

Ademais, este ano a entidade celebra o seu 40 aniversario, para o que tiña preparado un programa moi ambicioso con dúas orquestras, un grupo de rock, dous de música folk e unha banda de gaitas, todos procedentes de Galicia. Como actividade complementaria, o pasado dia 10 de xuño estaba prevista a inauguración da exposición As portas de Lugo no Castelo de Cornellá, entre outros moitos eventos que tamén foron cancelados, como tamén o foi a Festa Maior de Cornellà. 

Fonte e foto: A.C.G. Rosalía de Castro 

759 lecturas