A Xunta destaca o Festival EmigraSon como resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega no exterior

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu en Bruxelas aos concertos do Festival EmigraSon, organizado por galegos emigrados á capital belga.

José González sinalou que esta cita, á que se estima que entre os concertos de hoxe e onte asistan un total de máis de 2.000 persoas, serve como punto de encontro da diáspora galega en Europa.

Subliñou a súa conexión coas novas xeracións e que con este festival Galicia está moi presente en Bélxica, país no que residen uns 3.200 galegas e galegos.

A Xunta destaca o Festival EmigraSon como resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega no exterior.
A Xunta destaca o Festival EmigraSon como resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega no exterior.
Listen to this page using ReadSpeaker
Bruxelas (Bélxica), 28 de febreiro de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou en Bruxelas o labor e a implicación da organización do Festival EmigraSon na difusión da música galega actual e a lingua galega no corazón de Europa. Nesta liña, subliñou que se trata dunha iniciativa de referencia para a promoción da música galega contemporánea no exterior e que é resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega máis alá das fronteiras da comunidade. Así o destacou no marco dos concertos da segunda xornada deste festival, á que asistiu.

Sinalou ademais que esta cita, apoiada pola Xunta e que vai pola cuarta edición, serve como punto de encontro da diáspora galega en Europa. De feito, estímase unha asistencia total de máis de 2.000 persoas entre os concertos de sábado -Sabela, Ortiga, Baiuca e The Rapants- e os de venres -9Louro, Fer, Paloma Paloma, foliada na que participaron ACG A Roda e Irmandade Galega na Suíza e a xornada finalizou con Duendeneta Dilleis-.

Neste sentido, José González expuxo que o EmigraSon concorda con outras iniciativas impulsadas desde o Goberno galego. Entre elas, a xira de concertos que Luar na Lubre realizará no mes de marzo en Arxentina, Uruguai e Chile con motivo do seu 40º aniversario. Tamén os concertos de Baiuca e Luz Casal, organizados o ano pasado pola Secretaría Xeral da Emigración en Bos Aires, no marco da iniciativa pioneira Saborea Galicia Calidade.

No caso concreto do EmigraSon, subliñou a súa conexión coas novas xeracións e que con este festival Galicia está moi presente en Bélxica, país no que residen unhas 3.200 persoas galegas. De feito, engadiu, esta cita é un xeito de tender pontes coa colectividade galega, especialmente coas novas xeracións e abre novas oportunidades de colaboración económica, cultural e turística a través da música en galego, na que a lingua representa un elemento de cohesión e identidade da xente moza na diáspora.

226 lecturas