O Consello avalía as inversións e programas impulsados pola Xunta na provincia de Ourense en áreas como Política Social, Medio Ambiente, Economía ou Emprego

O Goberno autonómico destina este ano máis de 5 M€ a actuacións en centros de menores, de atención á discapacidade ou residencias de maiores.

Impulsa actuacións e proxectos por importe de 4 M€ para preservar os tres parques naturais de Ourense e o Complexo Húmido da Limia.

A Xunta da apoio máis dun millar de empresas e emprendedores da provincia a través de diferentes programas.

O Consello avalía as inversións e programas impulsados pola Xunta na provincia de Ourense en áreas como Política Social, Medio Ambiente, Economía ou Emprego
O Consello avalía as inversións e programas impulsados pola Xunta na provincia de Ourense en áreas como Política Social, Medio Ambiente, Economía ou Emprego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 20 de outubro de 2025.

O Consello da Xunta avaliou hoxe varios informes sobre inversións e programas levados a cabo na provincia de Ourense nos últimos anos e neste 2025 en eidos coma o social, o emprego, a economía ou a conservación do patrimonio natural.  

Un informe presentado pola Consellería de Política Social e Igualdade revela que o Goberno autonómico está realizar durante este ano diferentes actuacións nos equipamentos que ten na provincia de Ourense que supoñen un investimento superior aos cinco millóns de euros, procedentes de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR). Estas actuacións afectan a centros de protección de menores, residencias de maiores, centros de atención discapacidade e servizos dirixidos ás familias. 

Entre estas intervencións, destacan os traballos de remodelación e mellora nos centros de menores de Montealegre, Monteledo, Monfefiz e A Carballeira, que suman preto de 2,5 millóns de euros. Nas residencias de maiores Os Miragres de Barbadás e na do Carballiño invístense 1,7 millóns de euros na redistribución de espazos interiores, a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética dos edificios. 
 
En canto a equipamentos destinados á discapacidade, resalta a renovación das instalacións do centro especializado na atención a persoas con discapacidade intelectual de Velle, en Ourense, por un importe de 830.000 euros; así como a entrada en funcionamento do novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da cidade ourensán. Así mesmo, no Punto de Encontro Familiar de Verín, creado no 2024, estase executando o acondicionamento da zona verde coa incorporación dunha zona de xogos infantís e o peche perimetral da parcela. 
 
Por outra banda, continúan as obras da nova residencia pública de Ourense que impulsa a Fundación Amancio Ortega. A súa finalización está prevista para 2026, o que suporá a creación de 120 prazas públicas. 
 
Conservación do patrimonio natural 
 
Por outra banda, a Xunta está a impulsar este ano distintos tipos de actuacións, obras e proxectos que suman investimentos por un importe global de 4 millóns de euros para avanzar na conservación, investigación e mellora do uso público dos tres parques naturais de Ourense (Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra) así como na restauración ecolóxica de dúas importantes zonas húmidas integradas no complexo da Limia. 

En concreto, no caso dos tres parques ourensáns trátase dunha vintena de accións que suman 3,1 millóns de euros e se poden dividir en catro grandes grupos aliñados cos obxectivos dos seus respectivos plans reitores de uso e xestión (PRUX): programa de conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural; programa de investigación, seguimento e avaliación; programa de uso público e de divulgación, e programa de mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos. 

No caso das zonas húmidas da provincia de Ourense, as actuacións deseñadas e en planificación na comarca da Limia enmárcanse nun programa novidoso e transversal impulsado este mesmo ano para a posta en valor de humidais nas catro provincias, uns espazos que son parte esencial e distintiva do patrimonio natural de Galicia e serven de ecosistema para unha notable variedade de flora e fauna. Os investimentos máis importantes deste plan autonómico —dotado dun orzamento de algo máis de 3 millóns de euros— realizarase en Ourense. 

En concreto, hai dúas áreas de traballo diferenciadas nesta provincia, ambas localizadas na Limia, nun entorno natural cunha extensión de máis de 2.000 hectáreas no que destacan elementos e zonas húmidas de gran valor e distintas dimensións. Por un lado, e cun orzamento de 650.000 euros a executar entre os anos 2025 e 2027, intervirase no complexo húmido A Limia-Antela, un caso paradigmático de transformación drástica dun ecosistema de humidal de gran superficie. Por outro e dentro do mesmo sistema húmido ourensán, acometerase a recuperación ambiental das Areeiras da Limia. Cun orzamento de 300.000 euros, preténdese actuar sobre charcas cun alto valor de conservación, identificadas como areeiras abandonadas (preseleccionáronse 11 como prioritarias en base ao valor de conservación que presentan e ás características xeomorfolóxicas) e en parte actualmente naturalizadas, buscando por medio da súa restauración, favorecer os valores naturais que albergan. 

Apoios ao tecido produtivo 

No que respecta ao eido económico, á Consellería de Economía e Industria presentou hoxe dous informes sobre dous programas: Conecta Ourense e Galicia Avanza.  No caso do primeiro trátase dun programa que, desde a súa creación en 2022, ten acompañado máis de 1.000 empresas da provincia e identificado máis de 450 proxectos con potencial de crecemento e innovación. O obxectivo principal da iniciativa é fortalecer o tecido produtivo ourensán, especialmente no ámbito das pemes, e impulsar a súa capacidade para innovar, dixitalizarse e crear emprego de calidade no territorio.

A través deste proxecto, desenvolvido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO), promóvese un modelo de acompañamento empresarial baseado na proximidade e na cooperación público-privada. A iniciativa conta cun servizo permanente en Ourense e Valdeorras, ademais dun servizo itinerante no rural, que permite achegar asesoramento, información e seguimento integral ás empresas situadas nos concellos máis afastados, favorecendo a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial. 
 
Por outra banda, O Consello coñeceu un resumo das tres primeiras edicións de Galicia Avanza, a aceleradora de internacionalización da innovación galega impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). A iniciativa consolídase como o programa de referencia para apoiar ás pemes innovadoras na súa saída ao exterior e reforzar a súa competitividade global. 
 
Desde a súa posta en marcha no ano 2022, máis de oitenta empresas galegas participaron xa nas tres primeiras edicións de Galicia Avanza, procedentes das catro provincias e cun destacado nivel de innovación e proxección internacional. A implantación da aceleradora en Ourense contribuíu a incrementar a participación de empresas da provincia, que xa representan o 33% das beneficiarias na terceira edición, consolidando o territorio como un polo de innovación, emprendemento e internacionalización. 
 
O programa impulsou máis de 1.500 contactos comerciais e 170 reunións con novos socios e clientes, facilitou o acceso a máis de trinta mercados internacionais e contribuíu ao rexistro de 31 marcas e dúas patentes, así como á sinatura de cinco acordos comerciais. Ademais, máis de 450 necesidades empresariais detectadas foron contratadas a un cento de provedores, xerando un efecto tractor no tecido produtivo galego. 

Emprego 

Dentro da aposta da Xunta pola actividade económica vertebradora do territorio que se seguirá potenciando en 2026 a través da Rede de polos de emprendemento, os catros Polos da provincia de Ourense (Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín) veñen demostrando un crecemento sostido desde xullo de 2022 cun balance duns 940 proxectos atendidos e dunhas 110 empresas novas creadas no marco dos 15 centros deste tipo que funcionan en toda Galicia. Por sectores, predominan os servizos (22%), seguidos da hostalaría (17%) e do comercio (13%). Cómpre engadir que o 6% destas iniciativas asesoradas son específicas de remuda, é dicir, buscan ser traspasadas por diferentes motivos e o persoal técnico dos Polos traballa para facilitarlles persoas interesadas en facerse cargo delas, favorecendo o mantemento de negocios rendibles. Canto ao perfil das persoas emprendedoras e usuarias dos catro Polos ourensáns, o 57% son mulleres e o 43% homes.  

Precisamente ao abeiro da Rede de polos de emprendemento, o ano que vén continuaranse potenciando iniciativas como o proxecto Fixar que desenvolve o Goberno galego en colaboración coa Asociación Cultural Sende cos obxectivos de atraer nómades dixitais ao rural galego e fixar poboación. Esta iniciativa, da que a segunda edición remata este mes, inclúe estadías quincenais das persoas emprendedoras seleccionadas nos espazos coliving implicados, que son Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña). 

No caso do ourensán de Sende, nas dúas edicións de Fixar, hospedáronse neste coliving preto de 50 persoas das que arredor do 60% crearon un novo proxecto ou negocio trala experiencia e máis do 90% seguen vinculadas a Galicia. Con Fixar estase creando unha rede para conectar ao total das 140 persoas emprendedoras participantes nos tres colivings da primeira e segunda edición. Ademais, búscase atraer talento e fixar poboación no rural co fin de estender o modelo a máis espazos. Para iso, un elemento fundamental do proxecto son as xuntanzas Fixar, que buscan unir participantes na iniciativa, mentores e persoas interesadas en revitalizar o rural galego. Ata o momento, os resultados acadados indican que o programa está a resultar de grande utilidade para asentar poboación no rural.  

Por outra banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración distribuíu este ano máis de 5,6 millóns de euros entre 96 concellos ourensáns para posibilitar un total de 331 contratacións de persoas desempregadas en tarefas relacionadas principalmente coa prevención de incendios forestais como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa. Todo no marco do programa Aprol Rural, do que a provincia de Ourense foi así a máis beneficiada, dentro dun importe global superior aos 14,2 millóns de euros que se repartiron entre 298 municipios galegos para promover un total de 846 contratacións.  

Neste 2025, a orde prevía a contratación anticipada das persoas traballadoras unha vez realizada a solicitude de axuda, unha opción á que se acolleron na provincia de Ourense de xeito maioritario, concretamente, 51 entidades locais para un total de 181 contratos (en toda Galicia foron 104 concellos e 314 contratos). Outra novidade foi a posibilidade de desenvolver accións formativas —por parte da Xunta e en colaboración coas entidades locais— para as persoas contratadas e relacionadas coa limpeza e mantemento de vías e parcelas, así como de prevención de incendios. Na provincia de Ourense recibiron esas formacións un total de 88 persoas, máis dun terzo do total galego de 253 persoas.  

Cómpre engadir que a Xunta seguirá potenciando o programa Aprol Rural en 2026 reforzando o orzamento e poñendo en marcha unha nova liña para a contratación de coordinadores municipais de prevención entre outras novidades co gallo de avanzar da man dos concellos na loita contra os incendios.  

Impulso do comercio de proximidade 

Co obxectivo de promover o comercio local e de proximidade, a Xunta lanzará en Ribadavia o próximo mes de decembro o proxecto Vilas Vivas que se porá en marcha inicialmente en preto dunha decena de locais acondicionados para albergar de xeito efémero diferentes actividades comerciais e artesanais, así como accións de dinamización económica, social e cultural, tras o convenio asinado co Concello ribadaviense cunha achega autonómica de preto de 590.000 euros. A acción, que irá evolucionando co paso das semanas para chegar a máis locais e espazos da vila, farase coincidir no seu arranque coa segunda edición de Artesanía, saber e sabor que, ao igual que o ano pasado, converterá o casco histórico de Ribadavia durante a primeira fin de semana de decembro nun mercado de produtos artesáns e alimentarios. 

Esta iniciativa enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que conta con tres eixes de actuación prioritaria que se vertebran en 16 medidas e se concretan en 74 accións para as que se destinarán 320 millóns de euros. Concretamente no segundo eixe para a dinamización e visibilidade do comercio e na medida dirixida a impulsar a recuperación da actividade comercial co obxectivo de recuperar contornas urbanas. 

Políticas de retorno 

En relación cos programas de retorno enmarcados na Estratexia Galicia Retorna 2023 - 2026, destaca o labor da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno de Ourense, que é punto de referencia na atención ás persoas retornadas na provincia. Desde a súa apertura, en decembro de 2019, esta oficina facilitou a integración social, laboral e administrativa de máis de 2.000 familias e atendeu máis de 4.000 consultas. Ademais, desde o ano pasado, a Oficina móbil do retorno visitou preto de 30 concellos rurais de Ourense. 

Este traballo consolídase cos distintos apoios impulsados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para facilitar a inserción sociolaboral. Dende 2018 lévanse beneficiado máis de 1.500 galegos e galegas que, en varios casos retornaron á provincia de Ourense xunto coas súas familias,  cun investimento global por parte da Xunta de máis de 5 millóns de euros.  

474 lecturas