A Xunta investirá máis de 32 M€ en 2025 para impulsar o emprendemento aliñado co territorio a través dos polos e atraer o talento de colectivos prioritarios
O Consello do Goberno galego coñeceu un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre o Centro de Orientación ao Emprendemento de Galicia —recentemente operativo desde A Coruña— e sobre a Rede de polos que coordina.
O Centro está a reforzar a estratexia que premiou a Galicia como Rexión emprendedora europea 2025, dando acubillo aos Polos que levan atendido máis de 2.600 proxectos e realizado máis de 7.000 titorías en 14 centros, aos cales se sumará en breve un máis.
Avanzando no obxectivo de que o ecosistema emprendedor responda ás necesidades de cada contorna, traballarase para que frutifiquen as ideas empresariais xurdidas nas universidades, así como as de remuda, economía social ou lideradas por retornados.
Tamén se consolidarán iniciativas como a destinada a atraer nómades dixitais ao rural, os convenios cos clústeres da comunicación e do comercio electrónico ou o programa Ultreia para axudar a empresas emerxentes a conseguir o financiamento que precisan.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinará o ano que vén máis de 32 millóns de euros a darlle un pulo ao emprendemento aliñado co territorio, a través da Rede de polos, que conta xa con 14 centros activos —e cun máis a piques de abrir—, e atraendo o talento de colectivos prioritarios como a xente nova ou os galegos retornados, con especial apoio aos traballadores autónomos. Así quedou de manifesto no Consello da Xunta, que coñeceu un informe sobre o Centro de Orientación ao Emprendemento de Galicia, que se acaba de pór en marcha na Coruña para consolidar a nosa Comunidade como Rexión emprendedora europea 2025, ao coordinar todas as actividades relacionadas coa innovación, coa orientación laboral e co emprendemento, incluídos os Polos que levan atendidos máis de 2.600 proxectos ata o momento e realizadas máis de 7.000 titorías.
O novo Centro serve de nexo entre os Polos e as oficinas de emprego, ao tempo que busca coordinar a acción neste eido da Xunta con todos os axentes do ecosistema emprendedor e cos implicados na empregabilidade das galegas e galegos, para afondar na estratexia premiada por Europa por avanzar na xeración de emprendemento, riqueza e emprego —especialmente no rural— co gallo de fixar poboación e dinamizar o crecemento económico.
De cara ao 2025, avanzarase no obxectivo de que o ecosistema emprendedor responda ás necesidades de cada contorna, traballando para que frutifiquen as ideas empresariais xurdidas nas universidades, así como as de remuda xeracional, economía social ou lideradas por galegos retornados. Tamén se consolidarán iniciativas como a destinada a atraer nómades dixitais ao rural, os convenios cos clústeres da comunicación e do comercio electrónico ou o programa Ultreia para axudar aos negocios emerxentes a conseguir o financiamento que precisan.
Compromiso co emprendemento en 2025
A aposta da Xunta polo emprendemento en 2025 mostrarase con iniciativas por unha contía global de 32 millóns de euros, avogando polo aliñamento do emprendemento co territorio da man da Rede de polos, nun proxecto de cocreación con perspectiva tanto a nivel galego como local. Tamén se consolidará a iniciativa piloto que permitirá vincular os traballos de fin de grao e fin de mestrado dos estudantes universitarios coas empresas do mercado que necesitan ese talento para medrar e aumentar a súa competitividade.
Máis alá destas novidades, darase continuidade a actividades como a pioneira Fixar para atraer ao rural nómades dixitais e traballadores en remoto ou aos convenios cos clústeres do comercio electrónico e da comunicación para potenciar estas vertentes tan importantes dos negocios actuais. Tamén ao programa Ultreia, da man das confederacións empresariais para axudar os negocios emerxentes a atopar financiamento e sondar sinerxías e solucións conxuntas nos sectores estratéxicos, ou os convenios coas universidades públicas para impulsar o emprendemento entre a comunidade universitaria.
Así mesmo, potenciaranse ecosistemas como o do traballo autónomo, a economía social, sen esquecer o apoio aos negocios que precisan remuda xeracional ou ás posibilidades de progreso que ofrece o emprendemento de galegos retornados.
Todo isto coordinarase desde o Centro de Orientación ao Emprendemento de Galicia, punteiro tanto no relativo á accesibilidade das persoas con diversidade funcional como no referido aos espazos e á tecnoloxía de que dispón. Así, ademais dunha zona para o asesoramento por parte de persoal técnico ás persoas interesadas na creación e consolidación de empresas e na xeración de emprego, hai un espazo para o emprendemento e outro con equipamento tecnolóxico para talleres de deseño e fabricación de prototipos dos proxectos. A maiores, unha zona de encontro e usos múltiples está destinada a exposicións, relatorios, foros ou xornadas divulgativas.
Así, a través do Centro planifícanse e coordínanse as sinerxías entre a Rede de polos de emprendemento e as oficinas de emprego no referente á orientación laboral, co obxectivo de seguir identificando oportunidades de crecemento sobre o territorio.
A Rede de polos
O novo Centro de Orientación ao Emprendemento coordina a Rede de polos, que acumula máis de 2.600 proxectos atendidos —un 59 % impulsados por mulleres— nos seus 14 centros activos, aos cales se sumará a final de ano o de Vilanova de Arousa. Por sectores, destacan os servizos (19 %), seguidos da hostalaría (15 %) e do comercio (15 %). Ás persoas que acudiron á Rede prestáronselles máis de 7.000 titorías e propiciáronse máis dun milleiro de actividades entre reunións con entidades do territorio, accións formativas e eventos.
Cómpre engadir que arredor dun 20 % das iniciativas están promovidas por persoas de fóra da nosa Comunidade, tanto retornadas como provenientes doutras zonas de España ou do mundo con interese en asentarse na nosa terra.
Mentres, chegaron a integrarse na Bolsa Remuda da Rede uns 200 proxectos, dos cales algo máis da metade están activos na actualidade e teñen á súa disposición —ata o 30 de outubro— axudas por 1,5 millóns de euros para que as novas persoas que queiran facerse cargo das empresas poidan sufragar parte dos gastos de transmisión.
Novas relacionadas




